ESTA VISITA TÉCNICA TEN COMO OBXECTIVO COÑECER DE PRIMEIRA MAN OS MODELOS DE XESTIÓN CULTURAL, ASÍ COMO FORTALECER OS LAZOS ENTRE AMBAS CIDADES
Maite Ferreiro recibe a Paulo Lopes, concelleiro de Cultura de Guimarães, para unha visita técnica aos museos de Lugo
Esta visita técnica ten como obxectivo coñecer de primeira man os modelos de xestión cultural, así como fortalecer os lazos entre ambas cidades
Ferreiro: "Esta xornada reflicte a vontade de Lugo e Guimarães por compartir experiencias e boas prácticas no ámbito da xestión cultural e patrimonial"
Lugo, 06 de decembro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiu a visita dunha delegación da Concellería de Cultura e Patrimonio do municipio portugués de Guimarães. Esta visita técnica, explica Ferreiro, "ten como obxectivo coñecer de primeira man os modelos de xestión cultural que se desenvolven en Lugo, así como fortalecer os lazos entre ambas cidades, unidas pola súa aposta pola valorización do patrimonio histórico".
A delegación, composta por seis persoas, incluído Paulo Lopes, o propio concelleiro de Cultura de Guimarães, visitou dous dos espazos emblemáticos da oferta cultural e patrimonial de Lugo como son o Centro de Interpretación da Muralla, clave para comprender a historia e a relevancia deste monumento único, e a Sala de Exposicións Porta Miñá e Cloaca Romana, onde puideron explorar o sistema de saneamento romano e outros aspectos da vida cotiá da antiga Lucus Augusti, ofrecendo unha visión única do pasado romano da cidade.
Durante a visita, Maite Ferreiro e o persoal técnico dos museos explicaron os programas de conservación, difusión e promoción cultural que se aplican en cada espazo, así como as estratexias de implicación cidadá e posta en valor do patrimonio.
"Esta xornada reflicte a vontade de Lugo e Guimarães por compartir experiencias e boas prácticas no ámbito da xestión cultural e patrimonial, reforzando o seu compromiso coa preservación e divulgación da riqueza histórica de ambos territorios", insistiu a concelleira.
O Concello de Lugo agradeceu a visita dos representantes portugueses e celebrou esta oportunidade de intercambio cultural, "que fomenta a cooperación internacional e o recoñecemento mutuo como referentes na conservación do patrimonio", declarou Ferreiro.