FERREIRO: "O SAN FROILÁN MIÚDO CONTARÁ CON 8 ESPECTÁCULOS NA CARPA DO SEMINARIO, ADEMAIS DE XOGOS TRADICIONAIS, 4 ESPECTÁCULOS ITINERANTES E OUTRAS ACTUACIÓNS DE RÚA"
Maite Ferreiro: "O San Froilán Miúdo conta con 39 actividades para público familiar durante os días do San Froilán"
A edil de Cultura e o Tenente Alcalde participaron no espectáculo itinerante "Circo Krasnovorak" de Troula, que tivo dous pases na xornada de hoxe
Ferreiro: "O San Froilán Miúdo contará con 8 espectáculos na carpa do Seminario, ademais de xogos tradicionais, 4 espectáculos itinerantes e outras actuacións de rúa"
Lugo, 06 de outubro de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou "a calidade e a variedade" da programación do San Froián Miúdo, "unha serie de actividades para toda a familia, que se están a desenvolver tanto na rúa como na carpa do Seminario, achegando a Lugo os mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional".
Ferreiro, acompañada polo Tenente Alcalde Rubén Arroxo, visitaron o espectáculo "Circo Krasnovorak" de Troula, que ten dous pases (12:30 e 17:30) na xornada de hoxe, con saída desde a carpa do Miúdo, e percorrendo Anxo López Pérez, Bispo Aguirre, a praza Maior e Campo Castelo. Ferreiro destacou que "cada ano, a animación de rúa é un dos piares fundamentais do San Froilán, este ano trouxemos a Lugo espectáculos de gran calidade tanto no eido escénico como na animación de rúa".
O San Froilán Miúdo 2025 conta con 4 espectáculos itinerantes: "Pilots" de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo itinerante de rúa), que se celebrou durante o día de San Froilán; "Circo Krasnovorak" de Troula, e "Rum rum" e "Transhumancia", ambos de Xip xap teatre, que terán lugar o sábado 11 e o domingo 12, "como peche das actividades para público familiar".
A carpa do San Froilán Miúdo, instalada no aparcadoiro do Seminario, conta con espectáculos como "Pocket Loop" da Compañía StopStoi, "Tranvía Nº12" de la Finestra, "Crunch 2" de Muu, "Humanus Comicus" de Mondo Costrini, "Gran Sonata" de Le Pluant, "De Vilatriste a Vilalegre" de Teatro ao cubo, "Historias para escagarriñarse" de Teatro Ghazafelhos, ou o tradicional "Festival Infantil de Cántigas e frores".