FERREIRO: “SEGUIMOS COMUNICANDO AOS EQUIPOS DIRECTIVOS QUE TRASLADEN Á UNIDADE TÉCNICA DA XUNTA AS NECESIDADES URXENTES DA COMUNIDADE ESCOLAR, ESPECIALMENTE EN MELLORAS ESTRUTURAIS”

Maite Ferreiro supervisa o avance das obras impulsadas pola Área de Educación nos centros educativos municipais


O Concello de Lugo realiza melloras nos CEIP e Escolas Infantís Municipais por un valor estimado de 100.000,00 euros


Ferreiro: “Seguimos comunicando aos equipos directivos que trasladen á Unidade Técnica da Xunta as necesidades urxentes da comunidade escolar, especialmente en melloras estruturais”

Esta mesma tarde, a concelleira manterá unha xuntanza co Consello Escolar, coa participación de representantes de todos os centros educativos da cidade

Maite Ferreiro supervisa o avance das obras impulsadas pola Área de Educación nos centros educativos municipais



Lugo, 6 de novembro de 2024 . A concelleira responsable da área de Educación, Maite Ferreiro, acompañada pola xefa de servizo, Beatriz Pérez, e polo director do centro, visitou hoxe o CEIP Illa Verde para supervisar o inicio e progreso das obras de mantemento que o Concello está a executar nos centros educativos municipais. Durante a visita, Ferreiro revisou as intervencións en curso e recolleu as demandas pendentes, asegurando que os colexios e escolas infantís de Lugo dispoñan de infraestruturas seguras e en bo estado.

A concelleira lamentou que estas actuacións de mantemento e conservación, fundamentais para o día a día dos centros educativos, recaian exclusivamente sobre o Concello, pois “a Xunta non está atendendo as necesidades estruturais que se lle reclaman de forma continuada”, afirmou Ferreiro. “Mentres a Xunta desatende estas necesidades urxentes, desde o Concello facemos un esforzo importante para que os centros poidan ofrecer espazos seguros e adecuados”, destacou.

As actuacións están incluídas no obxectivo de mantemento, conservación e reparación dos CEIP e Escolas Infantís Municipais e abranguen traballos en cubertas, alicatado, revestimentos, cerraxería, carpintería, pintura e outras melloras para asegurar que as instalacións estean sempre en condicións óptimas de uso. “Melloramos a seguridade e prolongamos a vida útil dos edificios municipais en aspectos que precisan atención constante e onde a Xunta non está a intervir pese ás reiteradas solicitudes da comunidade escolar”, incidiu a concelleira.

O contrato de mantemento supón unha inversión de 100.000,00 euros. Para Ferreiro, estas intervencións son esenciais para evitar o deterioro das infraestruturas e garantir que continúen cumprindo cos estándares de calidade que a comunidade educativa merece. “O Concello reafirma o seu compromiso coa educación e co benestar da comunidade escolar, comprometéndose a seguir investindo no mantemento e na mellora dos espazos educativos”, insistiu a concelleira.

“Seguimos comunicando aos equipos directivos dos centros educativos que trasladen á Unidade Técnica da Xunta as necesidades urxentes da comunidade escolar, especialmente en melloras estruturais, coa finalidade de garanter a estabilidade e seguridade que a educación infantil merece”, concluíu Maite Ferreiro.

Esta mesma tarde, a concelleira manterá unha xuntanza co Consello Escolar Municipal, coa participación de representantes de todos os centros educativos da cidade. Esta reunión, que contará coa presenza tanto do Concello de Lugo como da Xunta de Galiza, ofrecerá aos centros unha oportunidade para expoñer de forma directa as súas necesidades e demandas ás distintas institucións.

Maite Ferreiro supervisa o avance das obras impulsadas pola Área de Educación nos centros educativos municipais