FERREIRO: "AS FESTAS DAS PARROQUIAS E BARRIOS FORTALECEN O SENTIMENTO DE PERTENZA E SON A ESENCIA DA NOSA IDENTIDADE LUCENSE"
O Concello de Lugo recoñece ás comisións de festas o seu esforzo por manter vivas as festas tradicionais do municipio
Maite Ferreiro e Cristina López reuníronse cos representantes nunha homenaxe ao seu traballo de mantemento das tradicións locais
Ferreiro: "As festas das parroquias e barrios fortalecen o sentimento de pertenza e son a esencia da nosa identidade lucense"
Lugo, 07 de novembro de 2024. As concelleiras de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, mantiveron hoxe unha reunión cos representantes das comisións de festas do municipio nun encontro que tivo lugar no emblemático patio do Vello Cárcere. A xuntanza, organizada para fortalecer o apoio ás asociacións, busca tamén render homenaxe ao seu traballo e dedicación como responsables no mantemento de festas e tradicións locais ao longo dos anos.
"Esta xuntanza ten como obxectivo principal recoñecer e agradecer o esforzo destas asociacións, que manteñen vivas as nosas tradicións e aseguran que Lugo continúe a ser un espazo onde a cultura popular e as tradicións teñen un lugar fundamental", explicou Maite Ferreiro. Tamén subliñou o valor das festas á hora de fomentar a participación de veciñas de todas as idades, contribuíndo á transmisión de costumes ás novas xeracións. "As festas das parroquias e barrios fortalecen o sentimento de pertenza e son a esencia da nosa identidade lucense", afirmou.
Cristina López reafirmou o compromiso do Concello de Lugo coas asociacións veciñais a través de accións de apoio para facilitar a organización destes eventos. "As festas populares fan da nosa cidade un lugar único e diverso, polo que entendemos o importante papel que xogan as asociacións veciñais e seguiremos apoiando estas iniciativas que enriquecen a vida social e cultural de Lugo", comentou.
As concelleiras resaltaron a importancia de facilitar recursos e asistencia ás comisións de festas para que poidan afrontar os retos organizativos de cada ano. A xuntanza tamén contou cun recoñecemento simbólico ao traballo das veciñas e veciños, "cuxo labor desinteresado permite manter viva a tradición das festas populares", insistiu Ferreiro, que animou a continuar participando activamente nas festas como unha maneira de preservar e fortalecer o patrimonio cultural que define a identidade dos e das lucenses.