MANUEL DEIROS PARDO SERÁ O CANDIDATO DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS Á ALCALDÍA DE BALEIRA
Construír unha Baleira con futuro, ese é único interese que move á equipa que formamos o BNG-Asembleas Abertas sinalou o candidato nacionalista.
Deiros Pardo encabeza a candidatura do BNG-AA co convencemento de que só o BNG-AA é garantía de honradez, traballo e transparencia para Baleira.
Baleira, 21 de abril de 2015. Manuel Deiros Pardo, de 63 anos de idade, será o candito do BNG Asembleas Abertas á Alcaldía do concello de Baleira nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. Traballador da Consellería de Medio Rural e veciño de O Cádavo preséntase co convencemento de que só o BNG-AA é garantía de honradez, traballo e transparencia para Baleira.
Democracia e transparencia da man do BNG-AA
Deiros Pardo anunciou que o programa do BNG-AA xirará entorno á democratización do Concello para abrilo ás veciñas e veciños e para rematar coa falta de transparencia que sofrimos a diario. Dende o BNG AA apostamos por outro xeito de gobernar, baseado no traballo, na seriedade e no respecto rigoroso á democracia dixo o candidato nacionalista.
Unha Baleira viva e con futuro a alternativa do BNG-AA
Urxe dinamizar e democratizar a vida do concello. No BNG-AA queremos unha Baleira viva, que poña en valor as súas múltiples potencialidades, que aposte polos nosos maiores e pola nosa infancia. Unha Baleira da que as nosas mozas e mozos non teñan que marchar para atopar un traballo digno. Que atenda aos nosos sectores produtivos e ao noso comercio local. Que poña en valor o noso patrimonio cultural e paisaxístico. En definitiva, construír unha Baleira con futuro, ese é único interese que move á equipa que formamos o BNG-Asembleas Abertas.
Unha campaña moi activa e porta a porta para trasladar ás veciñas e veciños a alternativa do BNG-AA
Manuel Deiros Pardo indicou, que afrontamos estas vindeiras eleccións con ilusión e co convencemento de que é moi necesario un cambio en Baleira, un cambio que só pode vir da man do BNG-AA. Así mesmo, adiantou que o BNG-AA levará a cabo unha campaña electoral moi activa, porta a porta, falando con todas as veciñas e veciños para escoitalos e trasladarlles a nosa alternativa para Baleira.