MARÍA XOSÉ PARDO REDONDO SERÁ A CANDIDATA Á ALCALDÍA DE BEGONTE POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS

MARÍA XOSÉ PARDO REDONDO SERÁ A CANDIDATA Á ALCALDÍA DE BEGONTE POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS

Fotografía_candidata_BegonteA nacionalista sinalou que “desde o BNG-AA queremos un Begonte vivo, con furturo, dinámico e democrático. En acadar isto poñeremos todos os nosos esforzos”

Begonte, 21 de abril de 2015. María Xosé Pardo Redondo, de 26 anos de idade, será a candidata do BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía do Concello de Begonte nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. Natural da parroquia begontina de Cardeite, formou parte de candidaturas do BNG anteriormente mais, sinala, “desta vez dou o paso de ser candidata á Alcaldía do meu Concello co convencemento de que fai falla un cambio urxente en Begonte”.

María Xosé Pardo Redondo anunciou que o programa do BNG-AA xirará entorno “á democratización do Concello” para “abrilo ás veciñas e veciños e para rematar coa falla de trasparencia que sofrimos a diario”. “Transparencia, traballo, honradez e ilusión son as máximas coas que desde o BNG-AA traballaremos para construír entre todas e todos un Begonte mellor” engadiu.

A candidata nacionalista salientou que, “desde o BNG-AA queremos un Begonte vivo, con futuro, dinámico e democrático.” “Desde a equipa que formamos o BNG-AA poremos todos os nosos esforzos para acadar isto” dixo.

Construír un Begonte con futuro da man do BNG-AA.

Pardo Redondo sinalou tamén que “”desde o BNG-Asembleas Abertas apostamos por construír un Concello vivo, que poña en valor as súas múltiples potencialidades, que aposte polos nosos sectores produtivos e o noso comercio local. Un Begonte no que as nosas mozas e mozos poidan vivir e traballar. Que poña en valor a nosa riqueza paisaxística e medioambiental. Un Begonte con futuro, en definitiva”.

Unha campaña electoral “porta a porta” para escoitar as propostas das veciñas e veciños de Begonte.

A nacionalista agradeceu o apoio das compañeiras e compañeiros do BNG-AA que confiaron nela para encabezar esta candidatura ás vindeiras Eleccións Municipais, facendo especial mención a Xosé Manuel Rodríguez, quen a precedeu na representación do BNG en Begonte.

Pardo Redondo sinalou tamén que “afronto estas vindeiras eleccións con ilusión e co convencemento de que é moi necesario un cambio en Begonte, un cambio que só pode vir da man do BNG-AA”. Así mesmo, adiantou que o BNG-AA  “levará a cabo unha campaña electoral moi activa, porta a porta, falando con todas as veciñas e veciños de Begonte para escoitalos e trasladarlles as nosas propostas”.

 

MARÍA XOSÉ PARDO REDONDO SERÁ A CANDIDATA Á ALCALDÍA DE BEGONTE POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS