O BNG SOLICITOU O INFORME EMITIDO POLA CHMS, "UN PRIMEIRO PASO PARA PARALIZAR ESTE PROXECTO", SEGUNDO EXPLICOU O DEPUTADO DO BNG NO CONGRESO
Néstor Rego reúnese con veciñas e veciños afectados pola planta de biometano
O BNG solicitou o informe emitido pola CHMS, "un primeiro paso para paralizar este proxecto", segundo explicou o deputado do BNG no Congreso
Rego: "Preguntaremos no Congreso se o goberno do estado ten previsto financiar esta planta con fondos europeos"
Lugo, 29 de xullo de 2024. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou Lugo na xornada de hoxe, onde mantivo un encontro con veciñas e veciños dos núcleos de poboación próximos a onde está proxectada a construcción dunha planta de biometano. Rego afirmou que o BNG seguirá apoiando á veciñanza nas súas mobilizacións en contra deste proxecto e anunciou que o BNG traballará "para que o Estado non facilite fondos europeos a esta iniciativa que será nociva para un gran número de veciñas e veciños de Lugo". Rego estivo acompañado polo portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e pola deputada do BNG no Parlamento Galego Montse Valcárcel.
O BNG solicitou no Congreso o informe emitido pola CHMS, un documento que valora negativamente o proxecto e que será vinculante para a autorización ambiental da Xunta de Galiza. O documento da CHMS valora o negativamente o sistema proxectado para o tratamento das augas residuais, que non garantiría que os verquidos non supoñan un risco para o medio, "hai que ter en conta tamén que este proxecto se ubicará en terreo rústico de protección forestal, polo que a valoración de impacto ambiental debe ser o máis exhaustiva posible", afirmou Néstor Rego, que criticou que "ao declarar este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, redúcense os prazos administrativos, mais o verdadeiramente importante é garantir que esta planta non afecte á calidade de vida da veciñanza nin á biodiversidade da contorna".
Rubén Arroxo destacou que "desde o BNG seguiremos apoiando ás veciñas e veciños en todos os pasos que den para evitar a construcción desta planta". Arroxo destacou que desde un primeiro momento, o BNG apoiou á veciñanza afectada por este proxecto, colaborando tanto nas mobilizacións como na recollida de centos de alegacións presentadas ao longo do prazo establecido pola Xunta de Galiza. O portavoz do BNG criticou que "a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria supón unha alfombra vermella posta pola Xunta para que esta empresa poida executar o seu proxecto reducindo os trámites administrativos e sen ter en conta a afección que esta planta poida producir ás veciñas e veciños"
Rubén Arroxo lembrou que o pasado venres o pleno municipal aprobou por unanimidade instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación".