O pleno municipal aproba as dúas proposicións presentadas polo BNG
A corporación aprobou por unanimidade a proposta do BNG reclamando á Xunta a paralización da planta de biometano proxectada en Lugo, mentres que o PP se abstivo nunha proposta reclamando que o SERGAS garanta o dereito ao aborto no Hospital Público de Lugo
Rubén Arroxo criticou que a planta de Biometano "conta cunha alfombra vermella por parte da Xunta, simplificando os trámites administrativos sen ter en conta a afección do proxecto ás veciñas e veciños"
Maite Ferreiro afirmou durante o debate que "as intervencións da portavoz do PP deixan claro que a Xunta seguirá derivando os abortos instrumentais fóra de Lugo"
Lugo, 26 de xullo de 2024. As dúas proposicións presentadas polo BNG ao pleno municipal foron aprobadas pola corporación municipal. Os edís do BNG defenderon a paralización por parte da Xunta do proxecto de planta de Biometanización proxectado en Coeses, xunto cunha proposta para que o SERGAS garanta o dereito ao aborto no Hospital Público de Lugo, presentada despois de facerse público que unha veciña de Lugo tivo que desprazarse ata unha clínica privada de Vigo para poder abortar. A proposición relativa á planta de biometano foi aprobada por unanimidade por parte da corporación municipal, mentres que a relativa ao dereito ao aborto foi aprobada, mais coa abstención do Partido Popular.
O pleno municipal aprobou instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG presentou esta proposta como resposta á iniciativa do PP hai un mes, onde reclamaban que o proxecto cumplise coa legalidade vixente. O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo ironizou coa proposta do PP, e afirmou que "obviamente, calquera proxecto para poder levarse adiante ten que cumplir coa legalidade vixente", e explicou que "o problema é a afectación que esta planta vai ter na vida das veciñas e veciños da contorna".
"Este proxecto producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións a este proxecto". O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.
Arroxo destacou que desde un primeiro momento, o BNG apoiou ás veciñas e veciños afectados por este proxecto, colaborando tanto nas mobilizacións como na recollida de centos de alegacións presentadas ao longo do prazo establecido pola Xunta de Galiza. O portavoz do BNG criticou que "a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria supón unha alfombra vermella posta pola Xunta para que esta empresa poida executar o seu proxecto reducindo os trámites administrativos e sen ter en conta a afección que esta planta poida producir ás veciñas e veciños"
O proxecto que se está a valorar actualmente pola Xunta de Galiza localízase en solo rústico de protección forestal, e conta con núcleos de poboación a poucos metros. Arroxo afimou que "o BNG non está en contra dunha posible solución ao tratamento de resíduos orgánicos, como é a proposta que temos enriba da mesa, mais a Xunta ten que promover que estas iniciativas se executen nunha zona catalogada como solo industrial, onde se minimice a afectación ás vivendas".
Sobre o dereito ao aborto, o BNG acadou o consenso no Parlamento de Galiza para que se garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública, mais os datos publicados din que a Xunta non está a cumprir coa súa obriga. A Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Sanidade, deixou en mans privadas o exercicio do dereito ao aborto das mulleres de Lugo naqueles casos en que se practica a interrupción do embarazo a través dun procedemento cirúrxico. Até o de agora as derivacións para embarazos a partir das 8 semanas realizábanse a unha clínica situada na cidade da Coruña mais, unha vez finalizado o concerto con este centro as mulleres son obrigadas a desprazarse até a cidade de Vigo, a máis de 200 quilómetros.
Durante o debate no pleno, a edil do BNG Maite Ferreiro afirmou que "as intervencións da portavoz do PP deixan claro que a Xunta seguirá derivando os abortos instrumentais fóra de Lugo". A proposta do BNG, aprobada coa abstención do PP, reclama ao goberno da Xunta de Galiza acabar cos desprazamentos de mulleres luguesas a unha clínica privada nos abortos instrumentais. Para tal fin, o BNG reclama á Xunta de Galiza que dote dos recursos necesarios o HULA "para que ningunha muller teña que acudir á sanidade privada nin a centros fóra da provincia".
"A Xunta está a vulnerar os dereitos das mulleres ao non prestar na sanidade pública con medios propios este servizo, a discriminación é aínda maior se temos en conta o prexuízo que causa ter que cruzar o País de punta a punta", explicou Maite Ferreiro. No ano 2021 o BNG conseguiu o acordo unánime do Parlamento Galego para que a Xunta de Galiza garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública dispoñendo os medios materiais e humanos necesarios para tal fin independentemente da existencia de persoal sanitario que se declare obxector de conciencia. Malia isto, os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Sanidade, correspondentes a 2022, demostran que a Xunta non está cumprindo: dos 2.975 abortos levados a cabo, só 561 foron atendidos en hospitais e deles tan só 513 en hospitais públicos. Pola contra, dos 2.414 abortos extrahospitalarios, 1.677 foron en centros privados.