RUBÉN ARROXO E INTEGRANTES DA CANDIDATURA DO BNG VISITARON A PARCELA NA QUE AÍNDA SE PODE VER O CAUCE DE AUGA E PEQUENAS LAGOAS
“No noso proxecto para Lugo está recuperar as lagoas que hai a carón do novo auditorio” anunciou Arroxo
O candidato do BNG afirmou “crearemos zonas verdes en Magoi e recuperaremos a fonte, o curso de auga e as lagoas da zona”
Lugo, 13 de marzo de 2019. Rubén Arroxo anunciou a inclusión, no proxecto do BNG, de recuperar a fonte, os cursos de auga e as lagoas da zona de Magoi. “Lugo ten espazos naturais que están desaproveitados, e que incluso son descoñecidos por moitas veciñas e veciños e imos facer un plan para a súa posta en valor” dixo Rubén Arroxo. Historicamente nesta zona de Magoi sempre houbo unha fonte e as lagoas que se xeraban cos cursos de auga existentes.
“A protección e potenciación de espazos verdes é un dos eixos fundamentais do programa de goberno do BNG para Lugo, e concretamente foron veciños e veciñas quen propuxeron a recuperación de este espazo” sinalou Arroxo. Este espazo da av. de Magoi é o lugar ideal para facer unha actuación deste tipo por que enlazaría, perfectamente, coa zona de ocio do propio auditorio e co parque Marcos Cela.
Nesta parcela de Magoi, duns 21.000 metros cadrados, estaba a prevista a contrución de vivenda pública e de zonas verdes. “Se o auditorio de Lugo se vai abrir hai que ter un proxecto para o seu entorno, non podemos ter o centro cultural máis importante da cidade rodeado dunha silveira” dixo Arroxo.