O BNG MELLORARÁ AS INFRAESTRUTURAS TANTO DA CIDADE COMO DA PROVINCIA PARA "CREAR OPORTUNIDADES E IMPULSAR A ECONOMÍA"
"A partir do 18 de febreiro, o BNG poñerá a Lugo no mapa para que non se perda nin unha soa oportunidade económica", afirmou Olalla Rodil
A cabeza de lista por Lugo mantivo un encontro coa asociación de empresarios do Ceao-As Gándaras
O BNG mellorará as infraestruturas tanto da cidade como da provincia para "crear oportunidades e impulsar a economía"
Lugo, 15 de xaneiro 2024. A cabeza de lista do BNG ao parlamento galego, Olalla Rodil, mantivo esta mañá un encontro con empresarios da asociación dos polígonos industriais do Ceao e As Gándaras. Rodil coñeceu de primeira man o estado do sector industrial en Lugo, e afirmou que "este é un sector indispensable para desenvolver economicamente Galiza, é urxente traballar nun cambio de modelo que mellore a situación da industria galega".
A candidata do BNG afirmou que, a partir do 18 de febreiro, o BNG traballará para "crear oportunidades para impulsar economicamente tanto a cidade como a provincia de Lugo", para o que "poñeremos a Lugo no mapa mellorando as infraestruturas e a conectividade, garantindo que non se perda nin unha soa oportunidade económica por falta de infraestruturas".
O BNG traballará tamén na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores, tamén en materia de conciliación, tendo en conta as necesidades nas contornas laborais.
Desde o ano 2009, destruíronse en Galiza un total de 51.200 postos de traballo no sector industrial, no mar e no sector agrogandeiro, polo que "resulta prioritario reverter o declive económico e industrial que lastra o futuro de Galiza e iniciar unha nova etapa de desenvolvemento dos nosos sectores estratéxicos e de impulso das grandes pancas de transformación da economía galega", declarou Olalla Rodil.