Pontón: “a peonalización e a mellora da calidade de vida das persoas en Lugo son sinal de identidade dun goberno BNG”
A líder do Bloque indicou a necesidade de poñer ás persoas no centro para que a cidade conte con máis oportunidades económicas e dinamismo
Amósase convencida de que o 28M o BNG será a forza política que máis suba e de que Rubén Arroxo será o próximo alcalde de Lugo
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Lugo para coñecer de primeira man o traballo de peonalización da cidade liderado por Rubén Arroxo, actual integrante do goberno municipal e candidato á Alcaldía o próximo 28M.
A líder do Bloque manifestou como Arroxo e o seu equipo están transformando Lugo en positivo e facendo que a cidade mellore, avance e aumente as súas oportunidades económicas e dinamismo, poñendo sempre ás persoas no centro para gañar en calidade de vida. “Quitarlle o poder aos coches para darlle o poder ás persoas á un sinal de identidade do goberno municipal do BNG”, indicou.
Pontón quixo poñer como exemplos varias iniciativas como “a posta en valor todo o entorno da Muralla, os avances cara a unha mobilidade máis sustentable e accesible para as persoas e, por consecuencia, un aumento de facturación dos negocios localizados nesas rúas peonalizadas”.
A líder do Bloque declarou que “hoxe Lugo é unha cidade con máis calidade de vida grazas ás actuacións do BNG dende o goberno baixo a batuta de Rubén Arroxo, candidato á Alcaldía da cidade”. A portavoz do BNG amosou a súa confianza en que “será el quen lidere o próximo goberno municipal en Lugo, co seu empuxe, coa súa forza e coas ideas necesarias para abrir un tempo novo na cidade” porque “o traballo ben feito é sempre o mellor aval”.
“A veciñanza de Lugo quere que a súa cidade siga avanzando e mellorando equipamentos e infraestruturas e que sexa un referente en cultura e isto é sinónimo dun goberno BNG”, concluíu.
Un goberno BNG que cumpre co prometido
Rubén Arroxo, pola súa parte, quixo lembrar que o traballo que realizou o BNG en Lugo durante este último mandato estivo moi marcado pola peonalización. “Gañamos 15 rúas para a xente e dinamizamos a zona” indicou. Con respecto a isto engadiu que “os incrementos de vendas que se deron en zonas recuperadas para a xente, como a Praza de Abastos, foron dun 45% segundo a Concellería de Participación.
Arroxo finalizou a súa intervención poñendo de manifesto que “o BNG en Lugo cumpriu cun 95% do seu programa nas áreas que xestionou”, o que lles permite a el e ao seu equipo “poder seguir dicindo que cumprimos coa nosa palabra e que traballaremos por unha cidade viva como a que todos queremos”.