OLALLA RODIL VISITOU A ZONA E INFORMOU QUE “O BNG PROPUXO UNHA PARTIDA ECONÓMICA PARA REHABILITAR E REHABITAR O BARRIO DA TINERÍA E O PP VETOU INCLUSO O DEBATE SOBRE A EMENDA”
O PP rexeitou a proposta do BNG para incluír partidas nos orzamentos da Xunta para rehabilitar a Tinería
Dende o 2009 quedou paralizado o plan de rehabilitación do barrio da Tinería, “o BNG seguirá plantexando proposta e reclamando investimento para a zona” dixo Rodil
Lugo, 17 febreiro 2017.- A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, lamentou que o PP impedise o debate e aprobación da emenda presentada polo BNG aos orzamentos da Xunta para incluír as partidas económicas necesarias para avanzar na rehabilitación do barrio da Tinería. Dende o 2009 quedou paralizado o plan de rehabilitación do barrio da Tinería, “o BNG seguirá plantexando proposta e reclamando investimento para a zona” dixo Rodil.
A nacionalista dixo que “o BNG seguirá traballando para que a Xunta de Galiza se comprometa con Lugo, se comprometa a rematar o Plan empezado de rehabilitación do barrio da Tinería, se comprometa coa vivenda que aínda queda por facer en edificios públicos da propia Xunta neste barrio, e a rematar o Pazo de Dona Urraca”. A deputada nacionalista dixo “que non se pode agardar mais, mentres hai familias con necesidade de vivenda, urxe a necesidade de creación de postos de traballo e a promoción económica, social e turística da capital provincial. É estratéxico para Lugo a posta en valor do noso patrimonio, que o é tamén de toda a Humanidade”.
O barrio da Tinería conta con varios edificios de propiedade pública sen rehabilitar cuxa finalidade era adicalos a vivenda protexida, mais tamén conta con varias vivendas públicas baleiras. Un edificio destacado é o chamado Pazo de Doña Urraca, que tamén está pendente de rehabilitación, e no que estaba planificado un Centro de Estudos e Investigacións Sociais que fora referente en toda Galiza. Olalla Rodil lembrou que “hai pendente de rehabilitar dous edificios na Unidade de Intervención UI-8, que xa estaban adxudicados en concurso público. Serían destinados á creación de 12 apartamentos inter – xeracionais (para novos e maiores), un Centro de Día para o barrio e a posta en valor dos restos arqueolóxicos in situ”.
Olalla Rodil sinalou que “o BNG ten proxecto para este barrio, para Lugo e para Galiza” e lembrou como no periodo Feijoo 2009 – 2017 as partidas orzamentadas pola Xunta para Fomento da Rehabilitación de Vivenda recortáronse un 90 %, e as adicadas a Acceso de Vivenda sufriron un recorte de maís do 80 %,.
Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas
Asemade lamentou que a importante inversión feita neste ambicioso Plan, que ascendeu a mais de 30 millóns, estea desde o ano 2009 paralizada, e que fora merecente do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas. “A Xunta de Galiza ten que comprometerse coa promoción económica, social e turística deste barrio da cidade, un barrio histórico, que leva 5 anos agardando por un compromiso firme da Xunta” dixo Olalla Rodil.
O citado premio valoraba a recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, a rehabilitación e rehabitación dun barrio á carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.