CRISTINA LÓPEZ: “DURANTE ESTES DÍAS FUNCIONARÁ TAMÉN O SERVIZO DE REPARTO A DOMICILIO E A PRE-ENCARGA”
A Praza e o Mercado Municipal continuarán abertos o xoves e o sábado de Semana Santa
Para realizar pedidos a domicilio ou pre-encargas, deberase contactar cos distintos postos de 08:30 a 14:00
Lugo, 07 de abril de 2020. A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, indicou que a Praza de Abastos e o Mercado Municipal permanecerán abertos durante o xoves e o sábado da semana santa no seu horario habitual. Cristina López destacou “a posibilidade de adquirir produtos de calidade e a atención personalizada que se pode atopar nas nosas prazas e mercados”.
“Dende a área de Participación traballamos da man cos distintos negocios da Praza e do Mercado para converter ambos servizos públicos nun referente do centro da cidade”, afirmou Cristina López, que lembrou que nos pasados días se puxo en marcha o servizo de reparto a domicilio e de pre-encarga, “un servizo que foi moi reclamado pola veciñanza e que está a ter unha gran aceptación”, segundo indicou a edil de Participación.
Cristina López lembrou que para realizar un pedido, as persoas interesadas deberán chamar, de 08:30 a 14:00 aos distintos postos da praza, onde se lles informará sobre a dispoñibilidade de cada produto. Unha vez se realicen todos os pedidos, organizarase o reparto e o cobro da mercadoría a domicilio. O servizo de pre-encarga permite facer as recollidas con máis axilidade á xente que prefira acudir ao Mercado e á Praza.