A ÁREA DE PARTICIPACIÓN REXISTROU 146 COMPRAS DE MÁIS DE 40€ NA PRIMEIRA XORNADA DA CAMPAÑA O NOSO MERCADO É UN AGASALLO
A primeira mañá de promoción na Praza de Abastos e no Mercado Municipal pecha cunha facturación superior aos 6.000€
A área de Participación rexistrou 146 compras de máis de 40€ na primeira xornada da campaña O Noso Mercado é un Agasallo
As distintas promocións celebraranse nas mañás dos sábados ata o 30 de decembro
Lugo, 21 de novembro de 2023. A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, deu conta dos datos rexistrados na primeira xornada da campaña "O noso mercado é un agasallo", que ten como obxectivo incentivar o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal e destacar a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local, especialmente durante a campaña de Nadal.
Na primeira mañá de promoción, rexistráronse 146 compras de máis de 40 euros, facturando os distintos postos da Praza e do Mercado un total de 6000 euros. Cristina López calificou como "un éxito" a primeira xornada de promocións na instalación, e afirmou que "seguiremos durante todas as semanas ata o nadal para promocionar dúas instalacións históricas como son a Praza e o Mercado"
A campaña celebrarase durante o 2023 todos os sábados en horario de mañá. A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida ou material promocional da Praza e do Mercado.