RUBÉN ARROXO E IRIA CASTRO CRITICAN QUE AS FORZAS ESTATAIS ACTÚAN EN FUNCIÓN DAS SÚAS DIRECCIÓNS EN MADRID E MESMO VOTAN EN CONTRA DOS INTERESES DE LUGO
Rego: "O BNG é a única forza política que defende con coherencia melloras para Lugo, para resolver o déficit en infraestruturas"
O deputado do BNG pon en valor o traballo que está a realizar a formación nacionalista nas Cortes do Estado: impulso de infraestruturas estratéxicas, melloras en política social, defensa da paz
Rubén Arroxo e Iria Castro critican que as forzas estatais actúan en función das súas direccións en Madrid e mesmo votan en contra dos intereses de Lugo
17 dec. 2025 - 08:41
Lugo, 16 de decembro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego mantén un encontro coa veciñanza de Lugo para trasladar a actuación política da organización nas Cortes do Estado e reivindicar os logros conseguidos para mellorar a calidade de vida dos e das lucenses. Alén de mellorar infraestruturas estratéxicas –especialmente no ámbito ferroviario e a mellora da seguranza viaria- Néstor Rego pon en valor as cuestións de ámbito social como a suba das pensións mínimas por riba do IPC e a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade, así como a quita da débeda que é rexeitada polo Partido Popular.
No acto realizado na cidade de Lugo, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a deputada provincial do BNG, Iria Castro, puxeron en valor o traballo incansábel realizado por Néstor Rego e Carme da Silva –representantes do BNG- nas Cortes do Estado.
"As forzas estatais están a actuar, coma sempre, en función das súas direccións en Madrid mesmo votando en contra de iniciativas do BNG que mellorarían a calidade de vida e o benestar da cidadanía de Lugo" sinalan. Así mesmo, contrapoñen este rol de PP e PSOE coa "coherencia na defensa dos intereses da Galiza" que realiza o BNG sempre.
Infraestruturas estratéxicas para Lugo e políticas sociais
Pola súa parte, o deputado nacionalista destaca o impulso de proxectos estratéxicos conseguidos polo BNG desde a sinatura do primeiro Acordo de Investidura. No ámbito ferroviario, subliña, produciuse a modernización, duplicación e electrificación da liña Lugo-Ourense ao que se lle suma o estudo para a conexión ferroviaria Lugo-Santiago.
"A modernización da liña A Coruña-Lugo está entre os compromisos que o Goberno adquiriu coa Galiza através do Acordo co BNG e traballamos tamén pola implantación de novos servizos que se adapten á realidade galega" afirma. Para alén do tren de Media e Longa Distancia, Néstor Rego enfatiza a próxima implantación do tren de proximidade (Cercanías), recollido no Acordo de Investidura e plasmado grazas ao BNG na Lei de Mobilidade.
Alén do máis, nas infraestruturas viarias Néstor Rego destaca a mellora da seguranza viaria nalgúns puntos problemáticos na rede de estradas do Estado ou o remate dos viadutos da A-6. "Seguiremos a presionar para que finalica canto antes a A-54 e que se impulse, dunha vez por todas, a autovía entre Lugo e Ourense" sintetiza o deputado do BNG.
Ademais destas actuacións, feitas e impulsadas polo BNG, Rego lembra o compromsiso conseguido para a suba das pensións mínimas por riba do IPC "mais aínda hai que continuar traballando para chegar a 60% do Salario Medio". Do mesmo xeito, reivindica a medida recollida no Acordo para o incremento dos permisos de paternidade e maternidade até 20 semanas, que se ben non está totalmente cumprido, xa se sitúan en 19 semanas.
Por último, alén de apostar por políticas de diálogo e paz nun contexto internacional complexo, o BNG defende destinar máis recursos para desenvolver unha verdadeira política social no canto de incrementar o gasto en defensa. Nomeadamente, Néstor Rego pon en valor o traballo realizado para coa Palestina e as iniciativas rexistradas para frear o xenocidio que o Estado sionista de Israel está a cometer contra o pobo palestino.
A quita da débeda: exemplo do que o BNG consegue e o PP rexeita
"A postura do PP frente á quita da débeda conseguida polo BNG resulta difícil de entender, porque antepón o tacticismo partidista ao interese xeral do País. No canto de recoñecer un avance que alivia a presión financeira e abre marxe para investir en servizos públicos e desenvolvemento, o PP opta por minimizar ou desacreditar o acordo e mesmo rexeitalo, como se calquera logro alleo fose unha ameaza" recrimina o deputado do BNG no Congreso.
Esa actitude, exemplifica Rego, transmite unha falta de compromiso coa Galiza, preferindo o ruído político a unha defensa clara dos intereses dos galegos e galegas.