O CONTRATO, POR 53.240 EUROS, INCLÚE TRES CARROZAS PARA OS REIS MAGOS E UNHA ADICIONAL PARA PAXES E AGASALLOS, DENDE AS QUE SE REPARTIRÁN MÁIS 4.000 QUILOS DE CARAMELOS

Rubén Arroxo anuncia a adxudicación das carrozas da Cabalgata de Reis 2026 cun deseño inspirado en animais fantásticos e reais

O contrato, por 53.240 euros, inclúe tres carrozas para os Reis Magos e unha adicional para paxes e agasallos, dende as que se repartirán máis 4.000 quilos de caramelos

Durante a XGL, tamén se declarou deserta a contratación do mantemento de caldeiras e foron aprobadas as renovacións dos postos do Mercado de Frigsa para 2026
Rubén Arroxo anuncia a adxudicación das carrozas da Cabalgata de Reis 2026 cun deseño inspirado en animais fantásticos e reais




Lugo, 17 de decembro de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta esta mañá en rolda de prensa dos principais asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, entre os que se inclúen acordos en materia de contratación, Nadal e actividade comercial.

A Xunta de Goberno acordou declarar deserto o procedemento de contratación do servizo de mantemento de caldeiras e sistemas de calefacción e climatización. Segundo explicou Arroxo, "só se presentou unha empresa e a súa oferta superaba o orzamento máximo recollido no prego, polo que, por responsabilidade e respecto á legalidade, non podía ser aceptada". A oferta presentada por Interproma Medioambiente, S.L. ascendía a 69.869,89 euros, fronte a un orzamento máximo de 68.960,32 euros.

Rubén Arroxo anunciou a adxudicación do contrato para a subministración en réxime de aluguer de catro carrozas para a Cabalgata de Reis 2026 á empresa Parade Factory di Luca, S.L., por un importe de 53.240 euros.Tal e como detallou o Tenente Alcalde, "trátase dun contrato que garante unha Cabalgata de Reis atractiva, segura e pensada para o desfrute das nenas e nenos, mantendo unha das tradicións máis queridas da cidade". O contrato inclúe o deseño, a decoración e todos os elementos necesarios para o correcto funcionamento das carrozas durante o evento.

A Cabalgata celebrarase o 5 de xaneiro de 2026, a partir das 18:00 horas, e, como cada ano, durante o percorrido repartiranse máis de 4.000 quilos de caramelos. Serán tres carrozas para os Reis Magos e unha adicional para paxes e agasallos, cunha temática común centrada nos animais fantásticos e os seus mundos e universos, con referencias a animais terrestres, mariños e aéreos, tanto reais como imaxinarios. "Queremos seguir sorprendendo e ilusionando ás familias, cunha posta en escena coidada e de calidade", engadiu Arroxo.

Por último, tamén foi aprobada a renovación dos postos de venda do Mercado de Frigsa para o ano 2026. En total, autorízanse 78 renovacións e un cambio de titularidade, e denégase unha renovación por figurar a persoa titular como debedora tributaria. Segundo indicou Arroxo, "o obxectivo é garantir a continuidade da actividade do mercado, sempre desde o cumprimento das obrigas administrativas e fiscais".

 

Rubén Arroxo anuncia a adxudicación das carrozas da Cabalgata de Reis 2026 cun deseño inspirado en animais fantásticos e reais