ARROXO PARTICIPOU NA CAMPAÑA "O CASCO MERECE MÁIS", POSTA EN MARCHA POLO BNG DE BETANZOS PARA IMPLICAR Á VECIÑANZA NA REHABILITACIÓN DO CASCO HISTÓRICO DA VILA
Rubén Arroxo amosa en Betanzos o proceso de transformación urbana de Lugo levado adiante polo BNG desde a Tenecia de Alcaldía
Arroxo participou na campaña "O casco merece máis", posta en marcha polo BNG de Betanzos para implicar á veciñanza na rehabilitación do casco histórico da vila
O Tenente Alcalde e portavoz do BNG de Lugo compartiu espazo coa deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas e a portavoz do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez
Lugo, 11 de maio de 2024. O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou en Betanzos nun acto público organizado polo BNG onde amosou a transformación urbana executada polo BNG desde a súa chegada ao goberno de Lugo no ano 2019. Arroxo explicou que "dar importancia ás persoas ao deseñar os espazos públicos, ou apostar polos medios de transporte alternativos e polo transporte público son algúns dos retos cos que se están a atopar moitas cidades, traballo que en Lugo executamos desde a nosa chegada ao goberno e que seguimos a aplicar en todas as actuacións".
Arroxo afirmou que "estamos a converter Lugo nunha cidade amable coas persoas, mellorando a calidade de vida da veciñanza", e engadiu "os esforzos realizados en zonas emblemáticas do centro como a Mosqueira, Recatelo ou Quiroga Ballesteros van da man da atención aos barrios e ás zonas periurbanas, é a única maneira de garantir o benestar de todas as veciñas e veciños". Arroxo destacou que no caso de Lugo, onde se conserva a única muralla romana completa do mundo, "é importante que as actuacións se centren en coidar do elemento patrimonial máis importante da cidade ao eliminar as vibracións que os coches producen na estrutura".
O BNG de Betanzos está a desenvolver unha campaña de actividades baixo o lema "O Casco merece máis" que pretende mobilizar á veciñanza da vila para conseguir que se mude a actual situación de decadencia do casco histórico. O BNG pretende, con esta campaña, que as institucións aposten dunha maneira clara e decidida por revitalizar o casco histórico de Betanzos, implicando tamén á sociedade.