REALIZARÍANSE TRABALLOS COMO DESBROCES OU MANTEMENTOS DAS BEIRARRÚAS
Rubén Arroxo anuncia a creación de brigadas municipais de atención aos barrios
O candidato do BNG á alcaldía indicou “reduciríamos os tempos nestes arranxos necesarios para o día a día”
Lugo, 16 de maio 2019. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo anunciou a creación de brigadas municipal “que atendan ás cuestións que máis preocupan ás veciñas e veciños nos barrios”. “Trataríanse de brigadas encargadas de pequenos arranxos, necesarios diariamente nos espazos municipais”. Deste xeito, melloraríanse “pequenos problemas, fáciles de arranxar, pero que son necesarios para o día a día da veciñanza”.
Segundo o candidato á alcaldía, “dentro do noso modelo de cidade está o mantemento das instalacións municipais”, e sinalou que “estas brigadas realizarían traballos como desbroces ou mantemento das beirarrúas, reducindo así o tempo que actualmente se tardan en comezar”.
Esta proposta enmárcase dentro do plan que o BNG deseñou para o concello de Lugo. Rubén Arroxo dixo que “somos a única opción que ten un proxecto claro para todas as veciñas e veciños da cidade e do rural, que se reflexa nas propostas do programa do BNG”, e engadiu “a partir do 26 de Maio comezaremos a traballar no concello para que Lugo Funcione”.