Rubén Arroxo anuncia a renovación no vindeiro mandato de todas as rúas perpendiculares a Lamas de Prado
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo destacou que “neste mandato comezamos o plan de renovación integral desta zona da cidade, actuando en Lamas de Prado, Aquilino Iglesia e na praza de Alacante”
“Todas as actuacións enfocaranse na mellora dos espazos públicos e no calmado do tráfico, gañando tanto prazas de estacionamento como espazos para as persoas” dixo Arroxo
Lugo, 17 de maio de 2023. O candidato do BNG, Rubén Arroxo anunciou que a partir do 28 de maio, o Goberno de Lugo acometerá a renovación de todas as rúas perpendiculares a Lamas de Prado. Arroxo afirmou que “neste mandato comezamos o traballo, investindo máis dun millón de euros na renovación de Lamas de Prado, Aquilino Iglesia Alvariño e a Praza de Alacante, tres intervencións que melloraron enormemente a calidade de vida das persoas, e no seguinte mandato continuaremos coa renovación integral dunha das zonas máis poboadas de Lugo”.
O candidato do BNG afirmou que nas distintas rúas se buscará “mellorar os espazos públicos”, incidindo no calmado do tráfico, no aumento da dispoñibilidade do estacionamento onde sexa posible e na creación de novos espazos para as persoas. Arroxo puxo como exemplo o traballo de Lamas de Prado e Aquilino Iglesia, “dúas rúas que xa son máis seguras e que contan con novos espazos para a veciñanza do barrio”.
Arroxo anunciou que no vindeiro mandato se renovarán, entre outras, a rúa Ourense, Serra Gañidoira, Quiroga, Portugal, López Guntín e Nazario Abel e afirmou que “Lugo ten que avanzar cun proxecto de cidade de futuro, unha cidade feita para as persoas” e amosouse “disposto a liderar un goberno para continuar a avanzar nunha mobilidade sostible e amable”.