O TENENTE ALCALDE DO CONCELLO DE LUGO PARTICIPA NA MESA REDONDA SOBRE O ROL DAS AUTORIDADES LOCAIS COMO GARANTES DUNHA VIVENDA DIGNA E ASEGUIBLE

Rubén Arroxo coloca a Lugo ao nivel de Valencia, Zagreb ou Lyon nas xornadas sobre vivenda que acolle o Parlamento Europeo


O Tenente Alcalde do concello de Lugo participa na mesa redonda sobre o rol das autoridades locais como garantes dunha vivenda digna e aseguible

Arroxo comparte mesa co alcalde de Zagreb e co responsábel de vivenda de Lyon

Rubén Arroxo coloca a Lugo ao nivel de Valencia, Zagreb ou Lyon nas xornadas sobre vivenda que acolle o Parlamento Europeo



Lugo, 01 de outubro do 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, viaxou até Bruxelas para participar nas xornadas sobre vivenda celebradas no Parlamento Europeo, baixo o título "Repensando a vivenda xuntas, todo o mundo merece un lugar ao que chamar fogar". As xornadas desenvólvense o 1 e o 2 de outubro nas instalacións do Parlamento Europeo en Bruxelas, e tratan sobre as políticas a executar desde os diversos estamentos para frear a suba do prezo da vivenda.

Arroxo formou parte da mesa de debate "o rol das autoridades locais e rexionais como principais actores e garantes dunha Vivenda Asequible, Sostible e Digna na UE", que foi moderada pola plataforma europea de cidades "Eurocities", e compartiu espazo con Elena Azcárraga, antiga Directora Xeral de Vivenda e Rexeneración Urbana da Generalitat Valenciana; Renaud Payre, Vicepresidente da área metropolitana de Lyon encargado de vivenda, vivenda social e desenvolvemento urbano; Tomislav Tomašević, Alcalde de Zagreb; e Marieke van Doorninck, antiga concelleira do Partido Verde en Ámsterdam e actual integrante do Comité Executivo dos Verdes Europeos.  

Neste espazo de debate analizouse a situación do acceso á vivenda nas diferentes cidades e territorios europeos, así como as alternativas que se están promovendo desde as institucións locais para combater fenómenos como a especulación inmobiliaria, a falta de vivenda pública e o impacto dos alugueiros turísticos.  

Arroxo destacou a importancia de "converter as cidades en lugares nos que vale a pena vivir, con espazos públicos humanizados e dando servizos importantes á veciñanza". Arroxo fixo fincapé no traballo realizado nos últimos anos na cidade de Lugo "convertendo a Lugo na cidade dos 5 minutos". Arroxo explicou que "recuperamos para as persoas novos espazos que antes estaban tomados polos coches, e conseguimos aumentar a convivencia do peón e do vehículo". A isto, explicou Arroxo, "súmase a posta en marcha dun transporte público que cada vez conta con máis usuarios, ou o servizo de vieiros escolares, que permite aumentar a conciliación familiar e fomentar desde as idades máis temperás hábitos saudables como desprazarse a pé".

Arroxo afirmou que "Lugo está máis vivo que nunca, vémolo na cifra de poboación, pero tamén no récord de visitantes, no récord de actividade cultural e no potente dinamismo económico", indicadores que, segundo o Tenente Alcalde, demostran que Lugo é unha cidade que "guste ou non, estase a transformar". "Falamos de transformar e non de construír porque Lugo é unha cidade feita, con moita historia" destacou Rubén Arroxo.

Rubén Arroxo coloca a Lugo ao nivel de Valencia, Zagreb ou Lyon nas xornadas sobre vivenda que acolle o Parlamento Europeo