ARROXO DESTACOU A IMPORTANCIA DE "ELABORAR POLÍTICAS QUE PERMITAN O ACCESO Á VIVENDA E CREAR ESPAZOS PÚBLICOS ÚTILES PARA AS PERSOAS"
Rubén Arroxo mantén un encontro co Comisario de Vivenda da Unión Europea
Arroxo participa, xunto coa eurodeputada Ana Miranda, nunhas xornadas sobre vivenda a nivel europeo
Arroxo destacou a importancia de "elaborar políticas que permitan o acceso á vivenda e crear espazos públicos útiles para as persoas"
Lugo, 02 de outubro de 2025. O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro co Comisario de Vivenda da Unión Europea, Dan Jørgensen, dentro das actividades das xornadas europeas de Vivenda organizadas pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, nas que Rubén Arroxo participou para "amosar a transformación urbana que desde o BNG desenvolvemos en Lugo nos últimos anos, e que converteu á cidade nun lugar mellor no que vivir", explicou Arroxo.
"A vivenda é unha das principais preocupacións das galegas e galegos, é preciso analizar a situación e dar unha resposta desde todas as institucións", explicou Arroxo, quen participou tamén nun econtro sobre vivenda digna e asequible xunto co alcalde de Zagreb, a antiga Directora Xeral de Vivenda e Rexeneración Urbana da Generalitat Valenciana ou o Vicepresidente da área metropolitana de Lyon encargado de vivenda, vivenda social e desenvolvemento urbano.
A conferencia que se está a celebrar en Bruxelas aborda ademais outros aspectos de gran relevancia no problema de acceso á vivenda, como son o acceso a financiamento directo da UE, en tanto que a política de cohesión debe converterse nun motor real para unha vivenda asequible, sostíbel e digna en todos os territorios da UE.
En segundo lugar, abordarase a necesidade de garantir tipos de interese do 0% a través dunha plataforma de investimento para vivenda asequible e sostíbel ou directamente do Banco Europeo de Investimento (BEI) para préstamos a longo prazo. E en terceiro lugar debaterase da necesidade permitir a introdución de moratorias temporais na adquisición de vivendas para fins non residenciais ou de mero investimento.