FERREIRO: "QUEREMOS QUE SEXA UN ESPAZO DE ENCONTRO E PARTICIPACIÓN, ONDE VECIÑAS E VECIÑOS DESCUBRAN NOVAS PROPOSTAS ARTÍSTICAS E SIGAN FACENDO DA CULTURA UN SINAL DE IDENTIDADE DE LUGO"

Maite Ferreiro presenta a programación cultural do segundo semestre no Auditorio Municipal Gustavo Freire

Un total de máis de vinte espectáculos de teatro, danza e propostas familiares encherán o Auditorio ata o mes de decembro

 

Ferreiro: "Queremos que sexa un espazo de encontro e participación, onde veciñas e veciños descubran novas propostas artísticas e sigan facendo da cultura un sinal de identidade de Lugo"

Maite Ferreiro presenta a programación cultural do segundo semestre no Auditorio Municipal Gustavo Freire

 

Lugo, 01 de outubro de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou hoxe a programación cultural do segundo semestre do ano no Auditorio Municipal Gustavo Freire. A oferta inclúe espectáculos de teatro, danza e propostas para público familiar e de primeira infancia, cun total de máis de vinte funcións ata finais de decembro.

 

Ferreiro explicou que "organizamos a programación arredor de tres grandes liñas: teatro e artes escénicas para público adulto, propostas familiares e de primeira infancia, e unha aposta pola danza contemporánea. O obxectivo é que toda a cidadanía, desde as máis pequenas ata as persoas maiores, teñan ocasión de gozar da cultura en Lugo".

 

O semestre inclúe nove espectáculos de teatro e novas linguaxes escénicas, con temáticas diversas e compañías galegas e internacionais como Alomáis, Sin Mente Teatro, coprodución internacional apoiada por Iberescena ou Redrum Teatro. Ferreiro sinalou que "as propostas para o público adulto abordan temáticas actuais e universais, con linguaxes que van desde o teatro clásico reinterpretado ata o circo contemporáneo, sempre cunha clara vontade de chegar a un público diverso".

 

O Auditorio acollerá tamén nove espectáculos dirixidos ao público máis novo e ás súas familias, con pezas de teatro, circo e marionetas a cargo de compañías como Caramuxo Teatro, SÖA Cía ou Animal Religion, Premio FETEN 2025 ao Mellor espectáculo inmersivo. Segundo a concelleira, "é fundamental que as crianzas medren coa cultura, por iso ofrecemos espectáculos pensados para diferentes idades, desde os 18 meses ata a adolescencia, combinando entretemento e aprendizaxe".

 

As entradas terán un prezo único de 5 euros para público adulto e danza e de 3 euros para espectáculos familiares e de primeira infancia, con descontos do 30 % para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e membros da AAAG. Ademais, poderanse adquirir bonos de adulto (30 € por 9 funcións) e bonos familiares (20 € por 8 funcións), dispoñibles do 30 de setembro ao 13 de outubro.

 

 

Programación de danza

 

A danza terá un protagonismo especial, abrindo o semestre co recoñecido "Halley" de Led Silhouette (2 outubro), e continuando con outras propostas de compañías galegas e internacionais, como Nova Galega de Danza. Maite Ferreiro destacou que "a danza contemporánea ten cada vez máis público en Lugo e queremos reforzar esta liña, traendo tanto compañías galegas como proxectos internacionais que son referencia no panorama actual".

 

A concelleira de Cultura concluíu asegurando que "este semestre queremos que o Auditorio Gustavo Freire sexa un espazo de encontro e participación, un lugar onde veciñas e veciños compartan emocións, descubran novas propostas artísticas e sigan facendo da cultura un sinal de identidade de Lugo".

 

Maite Ferreiro presenta a programación cultural do segundo semestre no Auditorio Municipal Gustavo Freire