ARROXO: "OS CONCERTOS DE FUXAN OS VENTOS SERÁN UN ÉXITO, CON TODAS AS ENTRADAS ESGOTADAS NOS TRES CONCERTOS"
Rubén Arroxo: "O Concello de Lugo seguirá a asumir a maior parte dos custos dos comedores escolares, a Xunta de Galiza só pon a quinta parte do orzamento"
Arroxo anunciou os acordos da Xunta de Goberno celebrada hoxe referente ás áreas da Tenencia de Alcaldía
Arroxo: "Os concertos de Fuxan os Ventos serán un éxito, con todas as entradas esgotadas nos tres concertos"
Lugo, 04 de xuño de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou os acordos da Xunta de Goberno celebrada hoxe relativos ás áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía. O Tenente Alcalde anunciou que o Concello renovou o convenio coa Xunta de Galiza "para seguir prestando o servizo de comedores escolares, unha competencia da Xunta que asumimos desde o Concello para non deixar a ningunha nena ou neno de Lugo sen este servizo".
O novo convenio amplía a cabida deste servizo, pasando de 757 usuarios ata chegar a 1004. Rubén Arroxo explicou que, ao non tratase dunha competencia do Concello, "se non existise este convenio, cada ANPA tería que asinar o seu propio convenio coa Xunta para poder ofrecer elas o servizo", e afirmou que "a aportación da Xunta é menos da quinta parte do gasto total en Comedores". Segundo os datos da Concellería de Educación, o investimento municipal no servizo de comedores é de 425.983,80€, aos que se suman os 97.739,40€ que aporta a Xunta.
Ademais, Arroxo anunciou unha modificación no contrato de mantemento da plataforma entradaslugo.es para ampliar os seus servizos e cubrir o auditorio Fuxan os Ventos. Tamén se aprobou unha prórroga de un ano, ata o 14 de xuño de 2026, o que suporá un investimento de 3.993€ por parte da área de Cultura, área da que tamén se aprobou a apertura do procedemento de licitación do novo contrato para prestar servizo nas dúas casas das linguas municipais. O contrato sae a licitación cun prazo de 1 ano prorrogable anualmente ata 5, cun investimento de 125.858,10€ anuais.
Rubén Arroxo deu conta dos avances na preparación do San Froilán 2025, coa aprobación das bases que rexerán a concesión dos espazos do recinto feiral. Serán en total 160 parcelas entre stands de venta, xogos de habilidade e atraccións, con distintos prezos de licitación segundo o tamaño e o obxectivo de cada espazo. O posto con prezo de saída máis baixa será de 160€, correspondente a un dos stands de venta de Rodríguez Mourelo, e o máis caro será unha atracción nas costas do Parque, de 43x19 metros, que terá un prezo de saída de 13.643€.
Para rematar, Arroxo afirmou que esta semana Lugo vivirá o momento histórico da reunión do grupo Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome. Arroxo destacou "o éxito" desta convocatoria, despois de esgotarse as entradas para os 3 concertos de xoves, sábado e domingo.