ARROXO: "UN ANO MÁIS, ACHEGA A CIENCIA ÁS RÚAS A TRAVÉS DE OBRADOIROS, DEMOSTRACIÓNS E RELATORIOS QUE DEMOSTRAN QUE A CIENCIA PODE ESTAR AO ALCANCE DE CALQUERA"
Rubén Arroxo e Cristina López visitan a G-Night, un encontro europeo de divulgación científica celebrado en Lugo
O Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros acolle a Noite Europea das Persoas Investigadoras, un encontro que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa
Arroxo: "Un ano máis, achega a ciencia ás rúas a través de obradoiros, demostracións e relatorios que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera"
Lugo, 30 de setembro de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación, Cristina López, acudiron á G-Night, un encontro europeo de divulgación científica que acolleu o Mercado Municipal Quiroga Ballesteros de Lugo organizado polo polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia xunto co colectivo de investigadores Agromar, do Campus Terra,.
Rubén Arroxo afirmou que a escolla de Lugo como escenario desta iniciativa demostra a calidade e a importancia do Campus de Lugo, e afirmou que "un ano máis, desde a Tenencia de Alcaldía achegamos a ciencia ás rúas de Lugo a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera". Tamén resaltou a importancia deste tipo de eventos para publicitar as oportunidades que ofrece Lugo, xa que "se trata dunha actividade que ten un alcance mundial", aclarou o Tenente Alcalde.
Pola súa banda, Cristina López falou das múltiples funcións do Mercado Municipal ubicado na Rúa Quiroga Ballesteros, "unhas dependencias que poden mesmo converterse nun foro de divulgación científica no que público de todas as idades terá a oportunidade de participar e aprender grazas a unha extensa programación que vai dende obradoiros e sesións, ata monólogos científicos sen necesidade de inscrición previa e totalmente gratuítos". A través deles, insiste, buscarase achegar ao público a actividade investigadora que se desenvolve na sede universitaria luguesa. Ademais, tamén se instalará na rúa unha pantalla xigante na que se proxectarán varios dos relatorios científicos de investigadores do Campus lucense.