O PORTAVOZ DO BNG AFIRMOU QUE A SITUACIÓN DE NADELA "RESPONDE Á ESTRATEXIA DO PP DE DESMANTELAR A SANIDADE PÚBLICA"
Rubén Arroxo e Montse Valcárcel manteñen un encontro coas veciñas e veciños de Nadela que loitan cada verán ante os intentos de peche do Centro de Saúde por parte da Xunta de Galiza
Lugo, 21 de agosto de 2025. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e a deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, mantiveron un encontro con veciñas e veciños de Nadela que cada ano perden a atención sanitaria no seu centro de saúde nos meses de verán. A deputada, Montse Valcárcel, afirmou que "é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas", e engadiu "durante os meses de verán, a Xunta forza á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade".
O BNG leva anos traballando xunto coas veciñas e veciños de Nadela para evitar o peche do centro de saúde, trasladando a problemática ás distintas institucións onde ten representación, e apoiando as mobilizacións organizadas pola veciñanza. Valcarcel defendeu que "a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta".
Para a deputada do BNG, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno. "Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro", afirmou.
Montse Valcárcel afirmou que "grazas á mobilización da veciñanza e ao apoio do BNG, Nadela volverá ter centro de saúde a partir de setembro", e criticou os intentos da Xunta de Galiza para pechar o centro "nun proceso de desmantelamento da sanidade pública".