O PORTAVOZ DO BNG DE LUGO RECLAMOU QUE A XUNTA INTERVEÑA TAMÉN NA CALZADA DAS GÁNDARAS, "DESPOIS DE ACEPTAR QUE O PLAN PARADAI É UNHA ACTUACIÓN NECESARIA PARA A CIDADE, É PRECISO QUE A XUNTA RENOVE TAMÉN, XUNTO CON SERRA DE MEIRA, A PRINCIPAL VÍA DO BARRIO"
Rubén Arroxo e Olalla Rodil cualifican como "insuficientes" os orzamentos da Xunta para Lugo
Arroxo reclamou que os 5 millóns reservados á rolda Leste se destinen á Tinería, "cunha aposta seria pola rehabilitación dun dos barrios máis antigos da cidade"
Rodil: "Os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2025 confirman o abandono do PP á comarca de Lugo"
O portavoz do BNG de Lugo reclamou que a Xunta interveña tamén na Calzada das Gándaras, "despois de aceptar que o plan Paradai é unha actuación necesaria para a cidade, é preciso que a Xunta renove tamén, xunto con Serra de Meira, a principal vía do barrio"
Arroxo: "Os máis de 10 millóns da rolda leste para as próximas anualidades deberían investirse no barrio da Tinería e na construcción de vivenda pública"
Lugo, 25 de outubro de 2024. A deputada por Lugo do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, xunto con Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, preguntado polos medios de comunicación da cidade, avaliaron nunha rolda de prensa o proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2025. Arroxo e Rodil clasificaron os orzamentos como "insuficientes", e a deputada do BNG destacou que estas contas son "promesas atrasadas" A deputada do BNG afirmou que "os investimentos para Lugo baséanse en repetir ano a ano os mesmos anuncios sen que nunca se executen os traballos".
Rodil valorou o proxecto de orzamentos como "uns orzamentos antisociais, que benefician aos máis ricos consolidando un sistema fiscal regresivo que non da que resposta aos problemas dos galegos e galegas"
No referente aos investimentos para a comarca, Olalla Rodil, afirmou que "vemos unha vez máis que os orzamentos inclúen reformas de centros de saúde anunciados múltiples veces, pero que seguen sen executar, como o de Meira ou o de Outiro de Rei", e puxo como exemplo o Porto Seco de Monforte, "unha infraestrutura que leva máis de 10 anos en situación de parálise e que neste proxecto de orzamentos só copiaron e pegaron os mesmos investimentos que o ano pasado, que non foron executados".
No tocante á cidade de Lugo, Rubén Arroxo afirmou que "a Xunta de Galiza segue a gardar orzamentos para construír a rolda Leste e segue mantendo o abandono do Barrio da Tinería". Arroxo anunciou que o BNG volverá propoñer retirar o financiamento "dunha nova autovía que vai reducir un desprazamento en 3 minutos e adicalo a rehabilitar dunha vez unha zona histórica de Lugo, que leva desde o 2009 sen recibir investimentos serios por parte do goberno de Galiza". O portavoz do BNG destacou que "entre o 2026 e o 2028 a Xunta prevé un investimento superior aos 10 millóns de euros ´para esta vía, cartos que se deberían investir na construcción de vivenda pública na cidade".
Rubén Arroxo afirmou que "o Parque do Rato completa o cinto verde do concello de Lugo, un terreo natural que calquera outra cidade querería ter", e engadiu "Lugo avanzou moito na sustentabilidade urbana e na reducción da pegada de carbono nos últimos anos, coa rolda Leste, a Xunta pretende dar un paso atrás e destruír o unha das zonas verdes que máis desfrutan as veciñas e veciños".
Arroxo destacou que "proxectos que Lugo leva moito tempo esperando, como a rehabilitación do Cuartel de San Fernando, volven estar ausentes neste orzamento".
O portavoz do BNG valorou positivamente que a Xunta considere agora prioritario investir no Plan Paradai despois de anos de parálise, e reclamou que os orzamentos conten con partidas para a Calzada das Gándaras. Segundo explicou Rubén Arroxo "despois de aceptar que o plan Paradai é unha actuación necesaria para a cidade, é preciso que a Xunta renove tamén a principal vía do barrio, comezando as obras na Calzada das Gándaras".
O BNG impulsará emendas no Parlamento Galego para pór os intereses e as necesidades da veciñanza de Lugo e afondar nun maior compromiso coa comarca por parte da Xunta de Galiza. "Levaremos ao parlamento as emendas necesarias para que a Xunta poña fin a 13 anos de abandono á cidade e á comarca de Lugo" declarou Olalla Rodil.