AS MARQUESIÑAS DO BUS URBANO ACOLLERÁN PANEIS INFORMATIVOS SOBRE OS TEMPOS DE DESPRAZAMENTO ENTRE OS PRINCIPAIS PUNTOS DA CIDADE

Rubén Arroxo presenta a iniciativa Lugo a Pé coa que a área de Mobilidade potenciará o desprazamento a pé pola cidade

As marquesiñas do bus urbano acollerán paneis informativos sobre os tempos de desprazamento entre os principais puntos da cidade

Rubén Arroxo: "presentamos unha iniciativa que permitirá ás veciñas e veciños de Lugo realizar os seus desprazamentos de xeito amable co medio ambiente compaxinando o bus urbano e os desprazamentos a pé"

O Goberno de Lugo presenta esta iniciativa na primeira xornada da Semana da Mobilidade

Rubén Arroxo presenta a iniciativa Lugo a Pé coa que a área de Mobilidade potenciará o desprazamento a pé pola cidade

 

Lugo, 18 de setembro de 2023. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, presentou a iniciativa Lugo a pé, "unha iniciativa que permitirá á veciñanza coñecer os tempos de desprazamento a pé entre os principais puntos da cidade", explicou Arroxo. O Goberno de Lugo instalará nas vindeiras semanas unha serie de paneis informativos nas marquesiñas de autobus que acollen máis usuarios, onde se amosarán, de xeito simple e entendible, os tempos de desprazamento  a pé entre os distintos puntos.

"Con esta iniciativa fomentaremos entre a veciñanza o uso de dous medios de transporte amables co medio ambiente como son o bus urbano e os desprazamentos a pé", declarou Arroxo, que engadiu "esta iniciativa foi creada en Pontevedra no ano 2011, e nos últimos anos sumáronse a ela moitas cidades do estado, como Sevilla, Cádiz ou Zaragoza, ademais de cidades do Reino Unido, Italia, Francia ou Polonia".

Rubén Arroxo explicou que a iniciativa consistirá na colocación de planos nas marquesinas de bus urbano da zona urbana, en formato metro, que indicará as distancias a pé, xunto co Bus Minuto, que permitirá coñecer os tempos de desprazamento usando tamén o bus urbano.

No último mandato, o bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo, que permitiu mellorar as conexións da veciñanza coas distintas zonas da cidade.

Co novo modelo, o HULA gañou conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo antigo non tiñan transporte directo. As transformación do modelo de bus urbano conectou de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. Os barrios aumentaron as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta a 30 minutos de frecuencia, e comunicando o eixo norte-sur da cidade en 20.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras aumentáronse tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla.

 

Semana Europea da Mobilidade

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña de concienciación que busca sensibilizar á poboación en canto ao uso do transporte público e os medios de transporte alternativos. Celébrase anualmente desde o 2002 e, no 2023, colle o lema Eficiencia Enerxética, co obxectivo de concienciar na necesidade de reducir o consumo enerxético e fomentar a mobilidade sostible, promovendo o transporte activo e creando cidades habitables.

Rubén Arroxo presenta a iniciativa Lugo a Pé coa que a área de Mobilidade potenciará o desprazamento a pé pola cidade