Rubén Arroxo propón trasladar o proxecto de vivendas do castiñeiro aos terreos da Xunta na contorna das Termas
O candidato do BNG de Lugo afirmou que “o Castiñeiro non precisa máis vivenda, son necesarias dotacións e espazos verdes”
Arroxo lembrou que cando o BNG tivo responsabilidade en vivenda “o goberno galego realizou importantes investimentos no barrio do Castiñeiro”, onde se descartou construír
Lugo, 30 de marzo de 2023. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou á entrada do Pleno Municipal que a Xunta de Galiza debería trasladar o proxecto de vivendas sociais do Castiñeiro aos terreos que posúe a Xunta na contorna das Termas.
Arroxo defendeu que “este proxecto xa estaba previsto pola Xunta de Galiza e é totalmente viable”, e engadiu “trátase dunha zona que xa conta con servizos e dotacións, e permitiría avanzar no obxectivo de repartir a vivenda social por toda a cidade, e non concentrala nun único barrio”.
Arroxo afirmou que “desde o BNG estamos a favor de que a Xunta de Galiza constrúa vivenda pública, mais o barrio do Castiñeiro é actualmente a zona de Lugo con máis densidade de poboación”.
Segundo o candidato do BNG, “a proposta continúa co traballo aplicado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda, no período 2005-09, cando se decidiu que este barrio xa estaba saturado de vivenda, tanto pública como privada, e que o que se precisaban eran dotacións e espazos verdes”.
O candidato do BNG criticou que “a Xunta de Galiza poña en marcha un novo proxecto de vivenda pública despois de 14 anos sen realizar investimentos nesta materia”, e afirmou que “está na man da Xunta de Galiza paralizar esta obra e buscar unha ubicación máis acaída para unha promoción de vivenda pública”.