O VOCEIRO DO BNG-AA LANZOU ESTA PROPOSTA “PARA EVITAR QUE O PSOE IMPOÑA UNS ORZAMENTOS PARTIDARIOS PENSADOS EN CLAVE ELECTORALISTA”
Uns orzamentos de consenso feitos para que Lugo avance e sacar ao Concello da parálise
“Propoñemos que os orzamentos se acorden entre os 6 grupos políticos para proxectar en positivo a pluralidade desta corporación” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 24 de novembro de 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, propuxo que o goberno municipal convoque unha xuntanza de voceiros, como primeiro paso, para elaborar os orzamentos municipais do ano 2018. Arroxo apostou por “uns orzamentos de consenso feitos para que Lugo avance e sacar ao Concello da parálise na que se atopa dende o comenzo do mandato”. Rubén Arroxo sinalou que “todos os días vemos na prensa propostas e iniciativas dende os diferentes grupos políticos que poderían mellorar a calidade de vida neste concello e por iso creemos que temos que demostrar a nosa capacidade para materializar todas esas ideas”.
Rubén Arroxo propuxo a elaboración dun documento no que se recollan as propostas dos diferentes grupos políticos e o seu encaixe na proposta de orzamentos e dixo “propoñemos que os orzamentos se acorden entre os 6 grupos políticos para proxectar en positivo a pluralidade desta corporación”. Para o BNG-AA “esta claro que todas as forzas políticas temos propostas interesantes e podemos aportar en positivo iniciativas que poderían encaixar perfectamente nun documento orzamentario feito co consenso de todos” e recoñeceu “sabemos que a xente está farta de debates políticos estériles e por iso damos este paso adiante para traballar conxuntamente polo ben do futuro de Lugo”.
O voceiro do BNG-AA lanzou esta proposta “para evitar que o PSOE impoña uns orzamentos partidarios pensados en clave electoralista” e explicou “a ninguén se lle escapa que estes serán os últimos orzamentos antes dos comicios electorais do ano 2019, e tamén sabemos cal é o modelo que teñen os grandes partidos, por iso queremos romper con estas dinámicas e facemos esta proposta para demostrar que se poden facer as cousas de outra maneira”.
Orzamentos sen executar
Rubén Arroxo sinalou como unha porcentaxe importante dos orzamentos dos últimos anos quedou sen executar “non entendemos como se lles poden estar negando servizos aos lucenses, mantendo unha significativa carencia de persoal no concello, e dicindolle sempre á xente que non hai cartos, cando a realidade é que o goberno municipal non foi capaz de executar as partidas que estaban orzamentadas para os anos 2015, 2016 e 2017” e engadiu “por iso queremos que se fagan uns orzamentos reais e útiles para Lugo”.