MAITE FERREIRO: "AS ACTIVIDADES PRETENDEN AMOSAR AS LABORES PROPIAS DOS HORTOS E SUMAR COÑECEMENTOS DA CULTURA TRADICIONAL GALEGA"

A Tenencia de Alcaldía impulsa hortos no centros escolares da cidade

Maite Ferreiro: "As actividades pretenden amosar as labores propias dos hortos e sumar coñecementos da cultura tradicional galega"

Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento saca a licitación esta actividade cun orzamento de 17.458,17€

A Tenencia de Alcaldía impulsa hortos no centros escolares da cidade




Lugo, 26 de febreiro de 2025.  A Tenencia de Alcaldía a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento retoma un ano máis as actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil. O Goberno de Lugo aprobou hoxe a licitación do proxecto de hortos escolares que se executarán nos centros de ensino públicos durante os meses de marzo, abril, maio e xuño.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, explicou que "estas actividades utilizan o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental". Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

O horto, xunto coa aprendizaxe de cantigas, xogos e celebracións tradicionais relacionadas cos ciclos do ano, é unha experiencia na que se pode participar en calquera etapa da vida, pero é, sen dúbida, nas primeiras etapas educativas, onde a estimulación dos sentidos é mais importante, polo que esta actividade supón un recurso educativo de grande interese, para que nenos e nenas de curta idade, vivan, experimenten e gocen do traballo no contorno natural, intervindo nel, dun xeito consciente e responsable e desfruten ao mesmo tempo coñecendo a música, as cantigas, as celebracións e os xogos bailados relacionados con estes traballos.

O programa consistirá na realización de sete sesións repartidas durante os meses de marzo, abril, maio e xuño por parte de dous monitores/as, nos propios CEIP preparando os hortos que xa existen nos centros e cultivando coas crianzas de 6º de infantil. Ademais, tamén inclúe catro sesións con dous monitores nas dúas escolas infantís entre marzo e xullo e 17 horas ao final do curso para tapar cada un dos hortos.

A Tenencia de Alcaldía impulsa hortos no centros escolares da cidade