ARROXO: "RENOVARASE O FIRME MÁIS DESGASTADO CON ASFALTO EN QUENTE E HABILITARASE NOVA SINALIZACIÓN HORIZONTAL PARA GARANTIR A SEGURIDADE VIARIA"

A Tenencia de Alcaldía segue a traballar na mellora dos espazos urbanos cunha intervención na avenida dos Deportes

Vén de saír a contratación a renovación do asfalto da zona ubicada entre a glorieta da Cheda e o Paseo Palestina

Arroxo: "Renovarase o firme máis desgastado con asfalto en quente e habilitarase nova sinalización horizontal para garantir a seguridade viaria"

A Tenencia de Alcaldía segue a traballar na mellora dos espazos urbanos cunha intervención na avenida dos Deportes

 

 

 

Lugo, 19 de xullo de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou unha nova intervención de mantemento e mellora dos espazos urbanos na cidade, iniciando o procedemento de contratación dunha nova intervención para renovar o asfalto na avenida dos Deportes, no treito comprendido entre a glorieta da Cheda e o Paseo Palestina.

 

Rubén Arroxo explicou que a actuación consistirá na renovación "do firme máis desgastado con asfalto en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal para garantir a seguridade viaria". Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía segue a traballar nunhas infraestruturas seguras e adaptadas ás necesidades do tráfico na zona.

 

A actuación céntrase na mellora unicamente da capa de rodadura, xa que o firme no seu conxunto atópase en bo estado e os defectos detectados non proceden das capas inferiores. O proxecto prevé o fresado superficial de toda a superficie, e a habilitación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, coas características técnicas axeitadas, garantindo así a durabilidade dos traballos executados. Ademais, procederase ao repintado da sinalización horizontal afectada pola intervención, incluíndo liñas continuas e discontinuas, pasos de peóns, cebreados, frechas, prazas de estacionamento e zonas de bus, entre outras. Tamén se pintará a sinalización horizontal da avenida dos Deportes ata o acceso ao Estadio Anxo Carro.

 

Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos urbanos da cidade e coa seguridade da veciñanza e dos usuarios das vías públicas. A actuación sae a licitación cun orzamento base de 96.797,52€, e un prazo de execución de 90 días. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 5 de agosto.

A Tenencia de Alcaldía segue a traballar na mellora dos espazos urbanos cunha intervención na avenida dos Deportes