MAITE FERREIRO INDICOU QUE DESTE TRABALLO "É POSÍBLE EXTRAER UNHA RADIOGRAFÍA ACTUALIZADA DO FERROCARRIL NA GALIZA CON PROPOSTAS FUNDAMENTAIS PARA A POSTA EN MARCHA DUNHA ALTERNATIVA SERIA E AMBICIOSA"
O Vello Cárcere acolle a presentación do caderno O ferrocarril en Galiza
Maite Ferreiro indicou que deste traballo "é posíble extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril na Galiza con propostas fundamentais para a posta en marcha dunha alternativa seria e ambiciosa"
No acto interveñen Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, xunto con Mateo Varela e Rubén Lois, os coautores da publicación
Este ano celébrase o 150 aniversario da primeira liña ferroviaria na Galiza, que conectou Cornes (Compostela) co porto de Carril
Lugo, 23 de novembro de 2023. A Fundación Galiza Sempre presenta hoxe no Vello Cárcere de Lugo o último caderno da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está dedicado ás infraestruturas de Galiza en materia ferroviaria, nun informe técnico elaborado polos xeógrafos Mateo Varela, Miguel Pazos e Rubén Lois, membros do grupo de investigación ANTE (Análise Territorial GI-1871).
A análise a fondo do sistema ferroviario galego realízase a través dun completo estudo monográfico no que se recolle unha análise panorámica sobre a historia, a situación actual e as perspectivas de futuro da rede ferroviaria galega. Maite Ferreiro indicou que deste traballo é posíbel extraer unha radiografía actualizada do ferrocarril no noso país con "propostas fundamentais para a posta en marcha dunha alternativa seria e ambiciosa que dote ao país e, máis concretamente á cidade de Lugo, dunha rede ferroviaria á altura do século no que vivimos".
A concelleira insistiu en que a solución aos problemas de conexións ferroviarias de Lugo está na urxencia "de investimentos serios que melloren unhas infraestruturas ferroviarias que quedaron estancadas no século XIX". Sobre todo tendo en conta que "o tren está chamado a ser o medio de transporte do futuro", mais Ferreiro destacou que "para que a veciñanza aposte por este medio, as liñas deben de ser rápidas e seguras, algo que só se conseguirá actualizando as infraestruturas e creando unha verdadeira rede de cercanías na Galiza".
Maite Ferreiro lembrou algunha das propostas que desde o BNG se pactaron no acordo de investidura co novo Goberno do estado, como a creación da variante entre Curtis e Ordes, "que permitirá conectar Lugo e Compostela de xeito directo cun novo treito de vía de só 27 Km, e facendo que Lugo deixe de ser a única cidade que non ten conexión directa en tren coa capital de Galiza". Ferreiro insistiu en que "desde o BNG seguiremos traballando para que o Goberno do Estado aposte en serio pola mellora da infraestrutura ferroviaria e que se poña a Lugo ao día en materia ferroviaria".