pregunta
Novas
Quiroga Ballesteros

O BNG pregunta en que situación se atopa a peonalización de Quiroga Ballesteros

“Hai ano e medio que foi o expediente a pleno xunto á peonalización da praza da Milagrosa, e mentres unha avanza, da outra pouco se sabe” sinalou Rubén Arroxo

 

Lugo, 1 de febreiro de 2019. Rubén Arroxo presentou unha serie de preguntas para saber en que situación se atopa o proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros. O concelleiro nacionalista lembou que en xullo de 2017 o goberno municipal levou a pleno un expediente de modificación de crédito, xustificando a urxencia dunha serie de investimentos, nos que esta ía incluida, porén, mentres unhas si foron iniciadas, esta segue sen indicios de ser comezada “nestes días vese como a obra de peonalización da praza da Milagrosa está xa moi avanzada, mentres que a da rúa Quiroga Ballesteros, cunha modificación de crédito aprobada o mesmo día que a anterior, segue sen iniciarse”.

 

O goberno municipal anunciaba o 11 de abril do 2018 que viña de recibir a autorización de cultura para poder iniciar as obras de peonalización. Por outra banda este proxecto mantivo certa polémica por levar incluída unha cuberta que presenta certas dúbidas, como o impacto visual sobre edificios catalogados, ou o paso de servizos de emerxencia como ambulancias e bombeiros. Nesta liña dende o BNG inclúen nas preguntas rexistradas se existe xa un estudo para a circulación destes vehículos ou se houbo algún concreción nos informes de cultura a respecto da cuberta.

 

 

Transporte público

Outro dos puntos que non quedou aclarado por parte do goberno, e que foi preguntado en varias ocasións por diversos colectivos e veciños, e se se vai levar adiante unha peonalización total ou se vai permitir o paso das liñas de bus “no tema do bus urbano de Lugo xa dubidamos se o goberno municipal é totalmente escuro neste tema, ou simplemente non ten ningunha decisión tomada ao respecto, dado que non está claro nin o que van facer coa liña 5 unha vez peonalizada a praza da Milagrosa, nin coas que circulan por Quiroga Ballesteros” afirmou Rubén Arroxo.

Ler novas
Novas
IMG_2205

O BNG pregunta sobre a situación da alternativa á ORA, os aparcadoiros e as novas liñas de buses

Lugo, 7 de decembro de 2017. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, rexistrou unhas serie de preguntas para a comisión municipal de cara a pedir explicacións pola “incapacidade que amosa o goberno municipal para dar solución aos problemas de mobilidade e de tráfico”. En canto a isto para o portavoz municipal do BNG “o goberno local non foi quen aínda de darlle solución á proposta estrela deste PSOE nada máis entrar, hai 2 anos e medio, como foi retirar o sistema ORA” dende a organización nacionalista cuestionan que a comisión de municipalización deste servizo só se convocase para constituírse e de iso xa pasaron 2 anos. Dende o BNG lembran a súa proposta dun servizo alternativo que sexa público e gratuíto, pero que garanta que haxa sitios onde estacionar nos puntos de máis servizos da cidade, dado que a día de hoxe resulta practicamente imposible.

O propio concelleiro tamén fixo fincapé na pouca preocupación da alcaldesa por sacar adiante os aparcadoiros disuasorios “dende o BNG fixémoslle xa hai 2 anos unha proposta para utilizar diferentes terreos abandonados na cidade como aparcadoiros, no seu día o goberno aceptouna e incluso lle asignou unha partida económica, pero entramos na época de nadal, que é cando máis problemas hai de estacionamento de vehículos e seguimos sen ver absolutamente nada”. Ao igual que existía partida económica para os xa prometidos por Orozco “Leira Parkings” do HULA e dos que aínda non hai nin a primeira pedra. Nesta mesma liña dende o grupo nacionalista lembran tamén que están paralizadas as negociacións prometidas para modificar as prazas dos aparcadoiros soterrados co fin de que collan os vehículos actuais. “en 2 anos e medio nin alternativa á ORA, nin modificación das prazas dos aparcadoiros soterrados, nin “Leira Parking”, nin aparcadoiros disuasorios, pero si moito fume e propaganda” 

Finalmente dende o BNG volveron denunciar o pouco respecto do goberno municipal aos acordos plenarios, “incluso os sinxelos de executar e que eles mesmos votan a favor” como foi co caso da proposición presentada polo grupo nacionalista e aprobada por unanimidade o 28 de setembro para que en menos de 15 días se convocase a todos os grupos para expoñer o modelo de novas liñas de buses que debería estar funcionando dende xuño. Malia todo isto dende o goberno municipal non só non puxeron a funcionar o novo modelo, senón que tampouco convocaron aos grupos municipais. Cuestión a do transporte público que preocupa aos nacionalistas, dado que entenden que “é imposible reducir o número de vehículos privados nas nosas rúas se non se crea un transporte público eficiente”, afirmando tamén que ao non ter tomado ningunha medida en canto comece a chover volveranse producir grandes atascos.

Ler novas