ABRAIRA PREGÚNTALLE A OROZCO SE TEN INTENCIÓN DE COBRARLLES AOS LUCENSES A SUBIDA DO CANON DE SOGAMA
Alcaldes socialistas manifestaron a súa intención de negarse ao pago desta subida decretada dende o goberno da Xunta
Unha suba imposta polo PP para salvarlle os resultados ás eléctricas dixo Paz Abraira
Lugo a 10 de xaneiro de 2014. A voceira do grupo do BNG do concello de Lugo, Paz Abraira, demandou do alcalde de Lugo que desvele as súas intencións sobre o canon de SOGAMA. Abraira lembrou que foron moitos os alcaldes do partido socialista que manifestaron a súa intención de negarse a pagar este canon e non sabemos se Orozco vai actuar á marxe do partido socialista. Abraira engadiu que o BNG ten clara a súa postura pero gustaríanos saber que é o que o opina o partido socialista de Lugo e que é o que vai facer o concello de Lugo con Orozco á cabeza. Respecto desta suba nas taxas de SOGAMA, Abraira asegurou que é unha suba imposta polo PP para salvarlle os resultados ás eléctricas.
Abraira criticou que o alcalde socialista de Lugo en ningún momento aclarou se vai a negarse á suba das taxas o se vai facer o que presentou nos orzamentos, que o BNG non aprobou, e que é repercutirlle, a partir de marzo, esa suba aos veciños e veciñas de Lugo. A voceira nacionalista dixo que o BNG pregúntase se Orozco actúa á marxe do PSOE ou se forma parte do PSOE xa que representantes do partido socialista na xuntanza de Compostela deixaron clara a súa postura: opoñerse ao pago da suba das taxas de Sogama e presentar recursos contra esta suba.
O pasado 21 de decembro celebrouse unha xuntanza de rexedores en Compostela, á que non acudiron representantes do PP, mais si estiveron representados BNG, PSOE e outras forzas políticas. Nesta xuntanza acordouse solicitar unha entrevista co presidente da Xunta e, de non producirse avances reais na negociación sobre a suba, os concellos negaríanse a pagar esta suba. Unha suba de taxas que Abraira cualificou de inxustificada xa que os concellos teñen asinados contratos con SOGAMA por unha cantidade e durante un tempo onde se especificaba que se ían subir as taxas somentes o IPC.
Para o BNG compre saber que vai facer o alcalde de Lugo e se existe un único partido socialista en Lugo. O reprensentante do PSOE na xuntanza, antes mencionada, era un deputado provincial, o Sr. Martínez, que segundo asegurou Paz Abraira alí falaba en nome dos alcaldes socialistas da provincia de Lugo e dixo que a postura dos socialistas sería a de presentar recursos á suba e negarse ao seu pagamento. Abraira tamén quere saber se o concello está xa estudando se é posible recurrir legalmente, como está facendo o de Vigo, a suba das taxas para impedir que os cidadáns paguemos cada vez máis por servizos de peor calidade.
Críticas á actitude de Orozco con Luis Lamas
Abraira criticou tamén que Orozco fora a darlle os parabéns a un presidente de SOGAMA que insultou, na súa visita, a todos os lucenses cando nos di que somos responsables do que está acontecendo. O BNG solicitara, no seu momento, a dimisión de este lucense como presidente de SOGAMA. Abraira lembrou que recentemente houbo unha visita recente de Luis Lamas a Lugo, para presentar un programa de compostaxe caseira, e o alcalde non aproveitou a visita para reclamarlle ao presidente de SOGAMA a retirada desta suba.