ANA ERMIDA REIVINDICA O PAPEL DO SECTOR PRIMARIO PARA SAÍR DA CRISE

ANA ERMIDA REIVINDICA O PAPEL DO SECTOR PRIMARIO PARA SAÍR DA CRISE

“Co Partido Popular no goberno houbo semanas nas que fecharon até 10 explotacións gandeiras”

O BNG comprométese a impulsar a constitución dun Grupo Lácteo galego

“Galiza pode elixir un goberno nacionalista que porá o acento na calidade dos alimentos galegos e na función social e territorial da actividade agraria”

A Mariña, 14 de outubro de 2012. O Bloque Nacionalista Galego da comarca da Mariña aproveitou os actos de campaña celebrados hoxe para reivindicar a importancia do medio rural e do sector primario na economía galega e criticar a política destrutora do Partido Popular que, durante os últimos tres anos e medio, provocou o feche de máis de 3.000 explotacións gandeiras en todo o país.

 A candidata número tres da formación nacionalista ao Parlamento de Galiza pola provincia de Lugo, Ana Ermida, denunciou a forte destrución de emprego por conta allea e propia que está a sufrir o sector primario a consecuencia dun goberno popular cuxas políticas causaron un empeoramento das condicións socioeconómicas do rural galego. “En todos os eidos, no produtivo, no educativo, no sanitario e no dos servizos sociais, o Partido Popular despreza o rural fronte ao urbano, sumindo ao noso campo no despoboamento e no abandono”.

 “Vimos de rematar unha lexislatura – continuou a candidata do BNG- na que os populares esnaquizaron os avances estruturais que se tiñan acadado no pasado; paralizou o Banco de Terras, eliminou as unidades de xestión forestais e sobor de todo deixou de apoiar as políticas produtivas. As políticas involutivas do executivo de Núñez Feijóo provocaron que no último ano houbese semanas nas que chegaron a fechar até 10 explotacións gandeiras”.

 Dende o BNG insistiron en que “‘acaba de rematar unha lexislatura caracterizada polo ataque directo e constante contra as explotacións leiteiras. Co Partido Popular a indefensión dos produtores acadou límites insospeitados trala eliminación dos contratos homologados, do Observatorio do Sector Lácteo e da Mesa do Leite”.

 Para Ana Ermida “Galiza ten que loitar por ser escoitada nas negociacións europeas que afecten ao agro para poder defender un modelo de desenvolvemento agrario e rural propio. O vindeiro domingo, os galegos e as galegas teñen a oportunidade de elixir a un partido como o BNG que sempre vai loitar pola configuración dunha política que corrixa os fortes desequilibrios existentes sen renunciar á eficiencia produtiva. Galiza merece un goberno que poña o acento no respecto ao medio ambiente, na calidade dos alimentos e nas función sociais e territoriais da actividade agraria”.

 “Co BNG no goberno de Galiza – rematou a candidata- o sector lácteo non volverá a estar desprotexido; impulsaremos a constitución dun Grupo Lácteo galego e impulsaremos un sistema de fixación de prezos que resolva o problema da falla de transparencia”.

ANA ERMIDA REIVINDICA O PAPEL DO SECTOR PRIMARIO PARA SAÍR DA CRISE