ARROXO AFIRMOU QUE ESTABLECEREMOS PROTOCOLOS PARA DESATASCAR A BUROCRACIA MUNICIPAL
O Candidato do BNG-Asambleas Abertas dixo que se creará un departamento de atención ás persoas, dependente da alcaldía, e quen teña atascados expedentes no concello poderá acudir alí
Rubén Arroxo sinalou que non pode ser que unha licenza de obra menor ou para poñer unha estada se demore máis de seis meses, ou que as subvencións sexan concedidas a finais de ano e fora de prazo
Lugo, 19 de abril 2015. O candidato do BNG-Asambleas Abertas, Rubén Arroxo, avanzou que un dos puntos do seu programa recollerá propostas encamiñadas a establecer protocolos para desatascar a burocracia municipal. Rubén Arroxo sinalou que non pode ser que unha licenza de obra menor ou para poñer unha estada se demore máis de seis meses, ou que as subvencións sexan concedidas a finais de ano e fora de prazo e engadiu que no caso das subvencións vemos como, en moitos casos, é o concello quen incumpre os prazos que el mesmo establece nas bases das convocatorias e as entidades deben saber no primeiro semestre do ano as cantidades que se lles van a conceder para poder planificar as súas actividades.
Arroxo dixo que todos os retrasos e demoras se producen pola desidia e falta de preocupación do goberno municipal e dos concelleiros delegados que non teñen entre as súas prioridades axilizar o trámite burocrático. Rubén Arroxo sinalou que estas prácticas sérven unicamente para fomentar o caciqueo e facilitar as prácticas do amiguismo con rédito electoral. Temos claro que nin PP, nin PSOE van a apostar por medidas deste tipo por que a súa política consiste en anunciar grandes obras e non en solucionar as pequenas cousas que poden facer que Lugo funcione afirmou Arroxo.
O candidato do BNG-Asambleas Abertas anunciou que se creará un departamento de atención ás persoas, dependente da alcaldía, e quen teña atascados expedentes no concello poderá acudir alí para que se lle de unha solución e explicacións concretas do motivo da paralización é cuestión de vontade sentenciou Rubén Arroxo. O candidato nacionalista dixo que non é normal que cando unha persoa solicita algo do concello se lle pidan certificados e papeis que lle teñen que dar no propio concello ou noutras administracións e engadiu que todos sabemos que calquer departamento da administración pode solicitar a información que precise a outros departamentos ou outras administracións sen necesidade de ter á xente paseando.