ARROXO DIXO PARA QUE LUGO QUEDE O MÁIS ALTO POSIBLE É IMPORTANTE A PARTICIPACIÓN
Durante a xornada de reflexión o candidato do BNG-Asambleas Abertas pediu a participación e a implicación de todas as persoas que lle queren a Lugo
Rubén Arroxo adicou a xornada matinal á práctica da escalada no Veral e pola tarde asistiu á Copa Deputación de Atletismo na pistas das Pedreiras
Lugo, 23 de maio 2015. O candidato do BNG Asambleas Abertas adicou a mañá desta xornada de reflexión á práctica da escalada cun grupo de amigos pertencentes a un clube lucense de montañismo na zona de O Veral. Arroxo dixo, tras subir unha parede de preto de 10 metros de altura que para que Lugo quede o máis alto posible é importante a participación de todos e todas independentemente da opción política que cada quen escolla e engadiu que nós creemos na democracia e sabemos que a xente sabe o que Lugo precisa.
Arroxo pediu a participación e a implicación de todas as persoas que lle queren a Lugo por que que Lugo funcione depende de nós, de todas e todos nos. Arroxo dirixiuse especialmente aos máis novos e á xente que noutros procesos electorais non participou polo seu desencanto coa política e sinalou que é importante ir a votar e a partir do luns manter a participación na vida política e social deste concello a través das forzas políticas, das asociacións ou a nivel particular.
Durante a tarde Arroxo asistiu ás probas da Copa Deputación de Atletismo que se celebrou nas instalacións municipais de As Pedreiras. O candidato do BNG Asambleas Abertas exercerá, mañá domingo, o seu dereito ao voto o domingo ás 11:30 no colexio electoral situado nas dependencias de obras públicas do polígono industrial do Ceao e pechará a xoranda electoral na sede do BNG coas persoas que conformaron a candidatura, simpatizantes e militantes.