Arroxo instalou unha sinal de zona 30 na ronda da Muralla para lembrar o acordo plenario de setembro
Con este acto simbólico o BNG Asembleas Abertas pídelle ao goberno municipal que execute os acordos do pleno
É o concello quen ten que tomar a iniciativa para avanzar e dar solucións á mobilidade desta cidade afirmou Arroxo
Lugo, 8 de febreiro de 2016. O BNG Asembleas Abertas, a través do seu voceiro Rubén Arroxo, realizou hoxe unha acción simbólica instalando na ronda da Muralla unha sinal de zona 30 para lembrarlle ao goberno municipal o acordo plenario que se tomou no mes de setembro coa unanimidade de todos os grupos con representación na corporación. Arroxo afirmou que é o concello quen ten que tomar a iniciativa para avanzar e dar solucións á mobilidade desta cidade e explicou que no pleno de setembro aprobáronse medidas concretas que ata agora foron ignoradas dende o goberno municipal.
Rubén Arroxo sinalou que, ademais de mellorar a calidade de circulación dos vehículos a motor e incrementar a seguridade para as persoas, a creación de zonas 30 supón a adecuación da cidade ao século XXI. Para o BNG Asembleas Abertas as actuacións dirixidas ao calmado do tráfico van a repercutir positivamente na vida das veciñas e veciños e suporá, sen un gran custo para as arcas municipais, a promoción do uso da bicicleta como medio de transporte.
Arroxo explicou que o calmado do tráfico na ronda da Muralla é o primeiro paso cara unha peonalización definitiva deste vial que rodea o noso monumento Patrimonio da Humanidade xa que Lugo precisa dunha nova e profunda modificación ao respecto da súa mobilidade, que fagan unha cidade máis amable, máis limpa e máis segura. Arroxo lembrou o elevado número de atropelos anuais que se dan na nosa cidade, algo que poderíamos achegar á súa eliminación con modelos que están a funcionar noutros lugares, como son os límites de 30km/h ou os pasos de peóns elevados. Non podemos esquecer tamén a situación na que se atopan as persoas con algún tipo de discapacidade, que se atopan con moitos problemas á hora de cruzar unha rúa pola propia velocidade do tráfico dixo o voceiro do BNG Asembleas Abertas.
No pleno de setembro do pasado ano, a corporación municipal aprobou por unanimidade unha iniciativa do Colectivo Masa Crítica, que fora trasladada ao pleno polo BNG AA, que recollía os seguintes seis puntos de acordo: 1- Converter a cidade en "Zona 30", poñendo o límite de velocidade en 30km/h en toda a zona urbana salvo xustificadas excepcións. 2- Crear un carril-bici transversal que una Garabolos co Campus, a través da Avenida de Madrid, Ramón Ferreiro e Avenida da Coruña, apostando por converter esta última en sentido único de saída dende a ronda da Muralla ata o Parque da Milagrosa. 3- Crear un carril-bici na Avenida Infanta Elena que una o Ceao ca rúa Paradai. 4- Creación de aparcadoiros de bicicletas, cubertos e vixiados nos diferentes barrios de Lugo. 5 - Recuperación do servizo de préstamo de bicicletas. 6 - Solicitar a inclusión de Lugo na Rede de Cidades pola Bicicleta.