O sistema de préstamo de bicicletas so precisa de vontade política para volver a funcionar
O voceiro do BNG Asembleas Abertas lembrou que as instalacións están feitas e deteriorándose pero o goberno municipal non ten interese por este asunto
Arroxo pediu que se convoque o antes posible unha mesa da mobilidade na que participen todos os colectivos, partidos políticos e persoas que teñan algo que aportar
Lugo, 9 de febreiro de 2016. Rubén Arroxo comprobou persoalmente o estado de abandono e deterioro no que se atopan algunhas das bases de estacionamento das bicicletas do sistema de préstamo municipal. Arroxo referiuse a este sistema de préstamo municipal e dixo que so precisa de vontade política para volver a funcionar lembrou, ademais, que as instalacións están feitas e deteriorándose, pero o goberno municipal non ten interese por este asunto.
Arroxo sinalou que no ano 2008 o programa Rebiciclate chegou a ter 600 usuarios e lembrou que existen 5 bases de aparcamento situadas nos Xardíns de Simón Bolívar, no Parque da Milagrosa, na Praza do Ferrol, na Rúa Alcalde López Pérez e no Campus Universitario. A día de hoxe as bases están totalmente abandoadas e sen utilidade algunha. O voceiro nacionalista tamén se referiu aos anuncios do goberno local socialista de incluír partidas nos pasados orzamentos para recuperar este servizo partidas que, ou non se incluíron, ou non se executaron.
Para o BNG Asembleas Abertas o servizo de préstamo de bicicletas pode ser ademais dun servizo para os lucenses, un servizo para as persoas que visitan a cidade e apuntou que en outras cidades funciona sen problema. Rubén Arroxo afirmou que como moitas cousas que se fixeron nesta cidade o do Rebiciclate parece que foi pensado para darlle cartos a unha empresa sen pensar en que o sistema funcionase ou non.
Rubén Arroxo pediu que se convoque o antes posible unha mesa da mobilidade na que participen todos os colectivos, partidos políticos e persoas que teñan algo que aportar para dar solución a todos os asuntos que están pendentes neste concello en relación coa mobilidade. Arroxo incidiu en que Lugo xa ten un plan de mobilidade, que o PSOE gardou nun caixón no seu momento, ademais hai varios acordos plenarios sobre este asunto pero a única variación feita por este goberno foi suspender o fotorroxo da ronda por unha sentencia xudicial.