O BNG Asembleas Abertas denuncia o deterioro da rúa Dona Urraca
Arroxo pediu que se faga un plan de mantemento e conservación das rúas da cidade
Lugo, 10 de febreiro de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, denunciou o mal estado do tramo que enlaza a rúa Dona Urraca coa futura segunda Ronda. Arroxo criticou o abandono no que quedaron moitas das rúas da cidade e alertou da necesidade de que o goberno municipal poña en marcha un plan de mantemento de e conservación das rúas da cidade. Arroxo sinalou que en canto acabaron os cartos dos remanentes que o PSOE amañou co PP non se volveu facer nada.
Arroxo comprobou o estado de abandono e deterioro no que se atopa o tramo da rúa dona Urraca que enlaza co que debera ser o trazado da segunda Ronda. Arroxo lembrou que o BNG Asembleas Abertas incluíu nas súas propostas para os orzamentos de 2016 unha partida para executar tramos pendentes da segunda Ronda.
O voceiro do BNG Asembleas Abertas explicou, tamén, que xa fora o BNG quen fixera posible a eliminación do tapón que existía nesta mesma rúa cando tivemos responsabilidades de goberno a principios do pasado mandato. Arroxo lembrou que a determinación e o traballo da nosa compañeira Paz Abraira fixo posible, naquel momento, que se resolvese unha demanda veciñal que durante anos fora imposible de solventar por parte do concello.