O BNG-AA pedirá no pleno do concello un plan para atender a posible chegada de refuxiados de Siria
Rubén Arroxo apelou á solidariedade internacionalista e afirmou que isto non é caridade se non unha obriga
Lugo, 14 de setembro de 2015. O voceiro do BNG-Asembleas Abertas no concello de Lugo anunciou a presentación dunha iniciativa, por vía de urxencia, para reclamar un plan de atención aos refuxiados do conflito sirio que poidan chegar a Lugo e a Galiza. Rubén Arroxo explicou que compre que cada adaministración asuma as súas responsabilidades con urxencia na crise humanitaria que están vivindo as persoas refuxiadas e migrantes en Europa e na contorna do Mediterráneo e que promova, no marco das institucións europeas, un xiro nas políticas de asilo e de cooperación cos países empobrecidos, e tamén demandar que rompa co coñecido como Protocolo de Dublín.
Ademais os nacionalistas, que levarán esta proposición á maior parte dos concellos galegos, reclamarán a intervención da FEGAMP e do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade para que colabores cos concellos á hora de facilitar o acollemento das persoas refuxiadas. Un dos puntos recollidos dentro da iniciativa presentada polo BNG-Asembleas Abertas recolle a necesidade de xestionar a mobilización e disposición de créditos orzamentarios para axudar as persoas refuxiadas ou migrantes asentadas no noso concello segundo explicou Arroxo.
Arroxo insistiu en que non se pode agardar á chegada de persoas refuxiadas para tomar decisións, débese facer unha previsión e engadiu que unha administración como o concello de Lugo debe ter a sensibilidade suficiente sobre este tipo de asuntos criticou a desidía coa que se está a tratar este problema dende a UE e a falta de medios para resolver o drama humano nin os problemas sociais, económicos ou políticos.
Arroxo dixo que o concello deberá contactar con entidades humanitarias que xa están a colaborar na atención a refuxiados e inmigrantes por que coñecen cales son as problemáticas a resolver e que medidas se deben tomar. Rubén Arroxo advertiu que non se debe utilizar este asunto e tachou de irresponsables aos que promoven o medo coa a chegada de inmigrantes e refuxiados e ameazan co efecto chamada.
O voceiro do BNG - Asembleas Abertas lembrou que siria era un país estable ata fai moi pouco e neste momento vemos como os seus habitantes están a sufrir os desastres dunha guerra que non provocaron e engadiu que unha situación coma esta pode xurdir en calquera país e lembramos como moitos galegos e galegas tiveron que exiliarse por motivos similares durante século XX baixo a o réxime franquista. Arroxo apelou á solidariedade internacionalista e afirmou que isto non é caridade se non unha obriga.