O BNG–AA pedirá unha revisión do sistema de adxudicación dos espazos do feiral do San Froilán

O BNG–AA pedirá unha revisión do sistema de adxudicación dos espazos do feiral do San Froilán

IMG_5247Maite Ferreiro dixo que “o actual sistema non permite a renovación das atraccións nin unha adaptación dos prezos á realidade económica da xente”

Outra proposta que o BNG-AA levará á xuntanza da comisión de festas será a de abrir un proceso de participación social para a elección da persoa que fará o pregón das festas

Lugo, 22 de marzo de 2016. O BNG – Asembleas Abertas presentará na primeira xuntanza da comisión de festas do San Froilán, que se celebrará mañá, unha proposta para que se proceda a revisar o sistema de adxudicación dos espazos do recinto feiral. Ferreiro lembrou que foi o BNG – AA quen instou á celebración desta primeira xuntanza da comisión de festas e sinalou que “debemos buscar o mellor sistema para que as festas sexan atractivas e o feiral se manteña vivo por que é parte fundamental do San Froilán”. Ademais, a edil nacionalista, incluíu na súa proposta a inclusión dun día con descontos nas atraccións durante o transcurso das festas.

Maite Ferreiro referiuse “á cantidade crecente de espazos baleiros que quedan tanto no recinto feiral como na zona das casetas do polbo” e pediu “que se faga unha análise das causas que levan a este esmorecemento para buscar solucións e evitar o deterioro do que é un dos atractivos principais das festas“. O BNG – Asembleas Abertas aposta por un sistema “máis áxil e adaptado a estes tempos” que permita a renovación anual de atraccións e que evite que queden tantos ocos baleiros no recinto feiral.

Ferreiro trasladará esta proposta á comisión de festas por que “temos que empezar por reactivar e modernizar o feiral do San Froilán incrementando o número de feirantes e rebaixando o prezo do chan que ocupan para que esa baixada repercuta no prezo das atraccións para que as familias poidan disfrutar das festas”. A edil do BNG-AA dixo que o mesmo sucede coas casetas do polbo que desaparecen sen que dende o concello se faga nada para “actualizar” a presenza deste tipo de establecementos “adaptando prezos e oferta á realidade económica”.

Pregoeir@

Dende o BNG – Asembleas Abertas farase unha proposta para abrir proceso participativo para a elección da persoa que vai facer o pregón. Maite Ferreiro dixo que “debemos artellar un sistema para recibir propostas, hai que recuperar o espírito participativo das festas e as lucenses teñen moito que dicir e que propoñer”. Ademais da elección da persoa que faga o pregón, dende o BNG – Asembleas Abertas, mantense a proposta de abrir canles de participación para, entre outras cousas, a elección das actuacións principais e do cartaz das festas.

O BNG–AA pedirá unha revisión do sistema de adxudicación dos espazos do feiral do San Froilán