O BNG-AA PRESENTARÁ UNHA PROPOSTA PARA REDUCIR EN 250.000 € O GASTO POLÍTICO DO CONCELLO

O BNG-AA PRESENTARÁ UNHA PROPOSTA PARA REDUCIR EN 250.000 € O GASTO POLÍTICO DO CONCELLO

IMG_0961Para os nacionalistas é necesario, ante a paralización da actividade municipal, que a alcaldesa “se poña a traballar"

Rubén Arroxo sinalou que “Lara Méndez aínda non fixo ningunha proposta de organización da corporación nin convocou aos portavoces dos grupos municipais”

Lugo, 26 de xuño 2015. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que será a súa formación quen presente unha proposta “concreta e asumible” para a redución do gasto político non concello de Lugo. Os nacionalistas cifraron en 250.000 € anuais a redución que propoñen “trátase dunha redución importante se temos en conta que se duplicou o número de grupos municipais” dixo Arroxo e engadiu que “se o goberno municipal de Madrid vai reducir o gasto en 600 mil euros, para Lugo unha redución de 250.000 € é proporcionalmente moito máis importante”.

A proposta do BNG-AA contempla unha dotación de medios equitativa para todos os grupos con representación na corporación e unhas asignacións economícas “suficientes e sostibles”. Rubén Arroxo dixo que “para garantir o funcionamento democrático deste concello os grupos políticos teñen que dispoñer de medios económicos e materiais idóneos para o seu funcionamento” e engadiu que “entendemos que a nosa proposta é acaida para adaptar o gasto ás circunstacias sociais”.

Arroxo sinalou que “Lara Méndez aínda non fixo ningunha proposta de organización da corporación nin convocou aos portavoces dos grupos municipais” e engadiu que “deberá ser a xunta de portavoces quen decida como se vai acometer a organización da corporación e outros asuntos que están sen resolver como o reparto de locais”. “Entendemos que a alcaldesa esté preocupada por coidar a súa imaxe pública pero é necesario que se poña a traballar por que a actividade municipal continua paralizada un mes  despois da súa toma de posesión” afirmou Arroxo.

Rubén Arroxo lembrou que “a única actuación da alcaldesa, neste senso, foi nomear ao seu equipo de asesores” e explicou que este nomeamento do persoal de confianza da alcaldía xa levantou as críticas dalgunhas forzas sindicais e informes negativos de varios técnicos municipais.

O BNG-AA PRESENTARÁ UNHA PROPOSTA PARA REDUCIR EN 250.000 € O GASTO POLÍTICO DO CONCELLO