"MARTÍNEZ É O ÚNICO RESPONSÁBEL DO ACONTECIDO NA DEPUTACIÓN DE LUGO” AFIRMOU FERREIRO

"MARTÍNEZ É O ÚNICO RESPONSÁBEL DO ACONTECIDO NA DEPUTACIÓN DE LUGO” AFIRMOU FERREIRO

IMG_7383O BNG mantivo unha postura coherente e firme co que dixo durante toda a campaña, foi Besteiro e o PSOE os que elixiron unilateralmente unha persoa imputada para presidir a Deputación e os que o substituíron no último moment

Lugo, 26 de xuño 2015. O deputado do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, saíu ao paso das declaracións realizadas polo “tránsfuga e imputado” alcalde de Becerreá e polo ex–alcade imputado de Lugo. Ferreiro afirmou que “o PSOE ten unha importante responsabilidade no acontecido na Deputación de Lugo” e engadiu que “o BNG non vetou ninguén en ningún momento; simplemente mantivemos unha postura coherente coa nosa actuación política, co que defendemos durante a campaña e co que lles esiximos aos nosos representantes institucionais”.

Ferreiro fixo alusión directa ás manifestacións feitas onte por Manuel Martínez e dixo que “ao mellor pensa que pode facer bo aquilo de que unha mentira repetida mil veces se converte nunha verdade, mais a xente sabe perfectamente que foi o que sucedeu, como sucedeu e quen é o único responsábel”. Ademais, o deputado nacionalista sinalou que “os insultos proferidos por Martínez contra os deputados do BNG e o que fixo co seu propio partido deixan ben claro o que sería unha Deputación presidida por esta persoa”.

O deputado do BNG explicou que o BNG mantivo unha postura coherente e firme co que dixo durante toda a campaña, e apuntou que “foi Besteiro e o PSOE os que elixiron unha persoa imputada para presidir a Deputación, un erro que tentaron corrixir tarde”. Ferreiro cualificou de “trapallada maiúscula” o acontecido en San Marcos o pasado mércores e responsabilizou o secretario xeral do PSOE de provocar esta situación e entregarlle o goberno da Deputación de Lugo ao Partido Popular.

Unha imputación por corrupción

Para o BNG “unha imputación por malversación de fondos é unha imputación por corrupción por moito que Martínez insista en tratar de rebaixar a súa gravidade”. Ferreiro afirmou que “a de Martínez, non é unha imputación de carácter administrativo xa que se trata dunha imputación por malversación de fondos e iso semella que está vinculado a un caso de presunta corrupción”.

As consecuencias

Xosé Ferreiro dixo que “hoxe mesmo puidemos ver cales van ser as políticas do PP na Deputación” e acusou a presidenta de “actuar como destrutora cultural” despois de que se coñecese a cancelación dalgunhas das actividades previstas dentro dunha programación de tanto éxito e afianzada como é Cultura Aberta. “Que a primeira medida que toma a presidenta sexa suspender actividades culturais deixa moi claro o que vai padecer esta provincia grazas a Martínez e á prepotencia do PSOE” sentenciou Ferreiro.

 

"MARTÍNEZ É O ÚNICO RESPONSÁBEL DO ACONTECIDO NA DEPUTACIÓN DE LUGO” AFIRMOU FERREIRO