O BNGAA reclamará información sobre a execución das partidas dos orzamentos participativos
Rubén Arroxo afirmou o espíritu deste tipo de actuacións está na súa difusión para que a xente saiba que está a ter unha participación real
O BNG - Asembleas Abertas aposta por que os barrios e as parroquias teñan participación no deseño dos orzamentos
Lugo, 8 de setembro de 2015. O grupo municipal do BNG Asembleas Abertas presentará unha iniciativa, dirixida á comisión de economía, para que se difunda información sobre o estado de execución das partidas orzamentarias asignadas aos proxectos presentados dentro do programa de orzamentos participativos do ano 2015. Rubén Arroxo afirmou o espíritu deste tipo de actuacións está na súa difusión para que a xente saiba que está a ter unha participación real.
Rubén Arroxo sinalou que o goberno municipal debe informar e acometer con transparencia a execución dos proxectos aprobados para avanzar neste tipo de iniciativas. Dende o BNG Asambleas Abertas considerase necesario que o concello de Lugo avance na implantación dos orzamentos participativos para que sexa a xente quen decida en que se debe gastar unha parte do orzamento municipal.
Arroxo referiuse a experiencias pioneiras como a implantada polo BNG no concello de San Sadurniño que supuxeron un antes e un despois na xestión municipal deste concello. Os nacionalistas dirixiron unha pregunta para saber cales son as medidas previstas para incrementar a participación da xente e así avanzar nesta iniciativa que xa fora proposta polo BNG en diversas ocasións.
Participación dos barrios e das parroquias
Arroxo apostou por implantar un sistema no que a xente dos barrios e as parroquias poidan decidir. O voceiro nacionalista dixo que temos que ser máis ambiciosos e non podemos deixar o internet como única vía de implantación dos orzamentos participativos. Arroxo explicou que se debe fomentar a participación da xente e chegar a todas as persoas e colectivos que desexan participar en facer que Lugo funcione.