O BNG-Asambleas Abertas propón a remunicipalización do servizo de guindastre
Maite Ferreiro lembrou que o contrato do concello de Lugo coa actual empresa adxudicataria remata no mes de decembro
É tempo de recuperar os servizos públicos para darlles transparencia e evitar que se repita todo o que estivo a suceder coas concesións neste concello asegurou Maite Ferreiro
Lugo, 7 de setembro de 2015. O BNG Asambleas Abertas defenderá no vindeiro pleno do concello de Lugo unha proposición reclamando a remunicipalización do servizo de guindastre. Maite Ferreiro explicou que a concesión á actual empresa adxudicataria remata neste mes de decembro e é o momento para que o concello recupere este servizo que está a ser tremendamente deficitario e a súa concesión levou a Lugo a todos os medios de comunicación estatais polos procesos xudiciais nos que se viu inmersa.
A iniciativa dos nacionalistas vai dirixida a que o Goberno Municipal se poña a traballar para que, segundo explicou Maite Ferreiro, a día 1 de xaneiro de 2016 o servizo de retirada de vehículos da vía pública se poña a funcionar con traballadores públicos e xestionado directamente por este Concello. Ferreiro asegurou que é tempo de recuperar os servizos públicos para darlles transparencia e evitar que se repita todo o que estivo a suceder coas concesións neste concello.
Con esta proposición o BNG Asambleas Abertas busca, tamén, un aforro económico e un servizo máis eficaz xa que hai que lembrar que o concello de Lugo está a pagar preto dos 50.000 euros mensuais a unha empresa que está investigada en diversos procesos xudiciais sinalou Maite Ferreiro.
Dende o BNG Asambleas Abertas cifraron o deficit provocado por esta concesión, dende o ano 2005, nunha cantidade próxima aos 4 millóns de euros e apuntaron a necesidade de deseñar un servizo con persoal muncipal xa que as grúas xa son propiedade do concello e non é precisa unha maior infraestrutura para que o concello asuma este servizo que fora privatizado, no seu día, polo PP.
Maite Ferreiro apuntou que a remunicipalización do servizo de retirada de vehículos pode ser un primeiro paso para, despois, continuar avanzando na recuperación dos servizos para a súa xestión directa e engadiu que contamos co apoio de todas as forzas políticas que teñen representación na coporación para dar este primeiro paso que significará un punto e aparte no xeito de facer as cousas neste concello.