O BNG ACUSA AO PSOE DE INICIAR A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS ELÉCTRICOS MUNICIPAIS

O BNG ACUSA AO PSOE DE INICIAR A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS ELÉCTRICOS MUNICIPAIS

IMG_5637O goberno de Orozco entregou parte do traballo dos funcionarios municipais a unha axencia externa que traballa en locais do concello e con medios municipais

“Iniciase un desmantelamento como xa ocurriu con outros servizos municipais que acabaron desaparecendo para ser privatizados” advertiu Paz AbrairA 

Lugo, 2 de outubro 2014. A voceira do BNG, Paz Abraira, acusou ao goberno municipal de desmantelar os servizos electromecánicos do concello de Lugo. Abraira referiuse ao feito de que o control das facturas eléctricas que recibe o concello foi posto en mans dunha axencia externa que “neste momento está a facer o traballo que antes facían os funcionarios municipais dentro das instalacións do concello e con medios propios do concello”. Para o BNG trátase do comenzo de desmantelamento doutro servizo municipal cara un proceso de privatización. Paz Abraira sinalou que “xa vimos como outros servizos municipais foron desmantelados paulatinamente e agora están en mans de empresas privadas”.

A axencia que se encarga do control das facturas tiña como obxectivo, nun primeiro momento, elaborar unha proposta de aforro enerxético para o concello de Lugo. Segundo informou a edil nacionalista “a día de hoxe non existe ningunha proposta para mellorar a eficiencia enerxética deste concello”. Abraira sinalou que o traballo dos servizos eléctricos municipais sempre fora beneficioso para as arcas municipais posto que vixiaban que o importe das facturas presentadas polas empresas subministradoras de enerxía se correspondese coa realidade e non se cargaran sobrecustos.

Axudas ao Comercio Local

Paz Abraira referiuse tamén ás axudas, presentadas hoxe na mesa local de comercio, destinadas a microempresas e ao fomento e creación do emprego. Abraira lembrou que a creación desta liña de axudas fora, no seu momento, unha das condicións do BNG para a aprobación dos remanentes. Abraira lamentou que non se destinara unha parte dos remanentes de 2014 “moito máis cuantiosos que os de 2013” a crear liñas de axuda semellantes ás propostas polo BNG. Criticou que nin PP, nin PSOE tiveran en conta a situación que está a vivir o pequeno comercio e que “somentes apostaran por comprar vontades políticas con asfalto de cara as vindeiras eleccións municipais”. Abraira lembrou que “como se ten demostrado o BNG aposta por un comercio local vivo na nosa cidade”.

O BNG ACUSA AO PSOE DE INICIAR A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS ELÉCTRICOS MUNICIPAIS