O BNG ACUSA A PP E A PSOE DE CÓMPLICES DA EMPRESA URBASER

O BNG ACUSA A PP E A PSOE DE CÓMPLICES DA EMPRESA URBASER

Paz Abraira lamentou a rotura das negociacións deste conflito que tanto está a prexudicar ás veciñas e veciños de Lugo

O BNG solicitou unha reunión urxente da Xunta de Portavoces para que o Alcalde aclare que pensa facer o Concello para resolver o conflito

Lugo, 11 de xullo 2014. Concentracion traballadores urbaser (11-07-2014) 400A voceira do BNG no Concello de Lugo, Paz Abraira, lamentou hoxe en rolda de prensa a ruptura das negociacións no conflito do lixo en Lugo, en primeiro lugar polos veciños e veciñas de Lugo e tamén polos traballadores e traballadoras de Urbaser que xa levan máis dun mes en folga. Asemade, solicitou unha reunión urxente da Xunta de Portavoces para que o Alcalde explique que é o que o Goberno municipal ten pensado facer para resolver este problema de xeito imediato.

“O mediador presentou unha proposta onte ás dúas partes, unha proposta que buscaba ese punto intermedio con cesións tanto por parte dos traballadores como da empresa. Os traballadores aceptaron pero non a empresa. É moi importante este dato” dixo Paz Abraira. Para a nacionalista Urbaser está a dinamitar calquera solución negociada a un conflito que padecemos todos na cidade e que está a afectar a moitas persoas e a moitos negocios que viven principalmente do turismo e a hostalería.

“Queremos facer un recordatorio do Pleno celebrado o pasado día 30 e resaltar as múltiples similitudes entre a actitude nel do PP e do PSOE e o que está a facer neste momento Urbaser. Que curioso que o PP xa trasladara exactamente ao Pleno unha emenda onde eliminaba o punto no cal a Corporación municipal reclamaba á empresa a readmisión dos despedidos e a eliminación dos expedientes disciplinarios. Que curioso, a non ser que xa tivera información de primeira man sobre a intención de Urbaser de dinamitar a negociación” dixo Paz Abraira. A nacionalista pediulles ao PP e ao PSOE que lle expliquen aos cidadáns porque permiten esta actitude de Urbaser e porque se negaron no Pleno a pedir a readmisión dos traballadores despedidos.

A portavoz nacionalista tamén foi moi crítica coo papel do alcalde socialista Orozco, lembrado as súas palabras no pasado Pleno municipal nas que daba por feito a readmisión dos traballadores grazas a súa brillante xestión coa empresa. A día de hoxe atopámonos na situación oposta á que relataba o alcalde de Lugo. “O Goberno municipal actuou con absoluta lentitude neste proceso. É máis, o decreto do alcalde Orozco dos servizos mínimos, totalmente abusivo, derivou de xeito claro no agravamento do conflito, e foi un balón de osíxeno á empresa. Orozco tivo unha actitude timorata ante a empresa Urbaser, que fixo e desfixo como lle deu a gana” afirmou Paz Abraira.

O BNG, a través da súa portavoz, tamén se preguntou onde están os camións do lixo que son propiedade do Concello e que os traballadores afirman que xa non se atopan no noso termo municipal. “Por que se negaron a esixir a readmisión dos traballadores sabendo como saben que é o elemento fundamental para resolver este problema que tanto está a danar aos veciños de Lugo?” seguiu preguntándose a concelleira.

O BNG esixiulle firmeza ao Goberno municipal, xa que Urbaser é a concesionaria e, polo tanto, a responsable última, pero quen ten que supervisar o seu traballo é o Concello de Lugo. Ao fío deste argumento a voceira do BNG insistiu  en que “o alcalde de Lugo fixo deixación absoluta das súas funcións, situouse ao lado da empresa e ata que a merda lle chegou literalmente ao pescozo, non esixiu que se sentara a negociar. É responsable directo de que levemos máis dun mes de folga e de que hoxe non haxa acordo. Primeiro, insisto, polos servizos mínimos abusivos decretados e logo pola súa permisividade coa actuación irregular da empresa”

O BNG seguirá a insistir na necesidade de recuperar servizos públicos para a súa xestión directa. “A privatización de servizos públicos lévanos a situacións como esta. A falta de control directo dos servizos lévanos a situacións como a que padecemos hoxe” dixo Paz Abraira.

A voceira municipal volveu lembrar a aposta do BNG pola necesidade de que o Concello de Lugo poña en marcha alternativas ao tratamento do lixo. “Non é de recibo, e isto non é cousa da folga, que no contedor verde se tire todo tipo de material. Isto é froito da falta de traballo do Goberno municipal e a súa desidia á hora de dar pasos no camiño de concienciación da veciñanza e na implicación cara a promoción dun modelo sustentable baseado na compostaxe.” Para o BNG a aposta debe ser pola compostaxe e pola redución dos residuos que xeramos os lucenses, feito que resolvería moitos dos problemas que estamos a ter hoxe, sendo ademais moito máis rentable e, desde logo, máis sustentable, o que redundaría nunha mellor calidade de vida para os veciños e veciñas de Lugo.

 

O BNG ACUSA A PP E A PSOE DE CÓMPLICES DA EMPRESA URBASER