O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL INFORMACIÓN DIRECTA SOBRE OS PASOS QUE ESTÁ A DAR NA FOLGA

O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL INFORMACIÓN DIRECTA SOBRE OS PASOS QUE ESTÁ A DAR NA FOLGA

“Non é de recibo que cada día teñamos que solicitar por escrito o acceso a información e enterármonos pola prensa das supostas decisións deste Goberno” afirmou Paz Abraira   

 Paz Abraira solicitou o acceso ao expediente administrativo da folga do lixo na parte relacionada co anuncio do alcalde de intervir o servizo de recollida

 O BNG solicitou unha reunión urxente da Xunta de Portavoces o pasado venres e hoxe, luns 14, non ten ningunha resposta

Lugo, 14 de xullo 2014.paz abraira A voceira do BNG no Concello de Lugo, Paz Abraira, esixiulle ao Goberno municipal e ao seu alcalde, López Orozco, que informe á corporación municipal sobre os pasos que está a dar o Concello de Lugo no conflito do lixo. “Non é de recibo que cada día teñamos que solicitar por escrito o acceso a información e enterármonos pola prensa das decisións deste Goberno” afirmou Paz Abraira. A nacionalista lembrou que “o BNG ten solicitado, con caracter de urxencia, unha reunión da Xunta de Portavoces dende o pasado venres día 11, solicitude que, pese a gravidade deste asunto para os cidadáns, Orozco aínda non convocou”, e esixiulle ao Alcalde información directa nos órganos correspondentes, neste caso a Xunta de Voceiros, sobre os pasos que está a dar o seu Goberno.

 O BNG solicitou hoxe mesmo o acceso ao expediente administrativo da folga do lixo na parte relativa á intervención do servizo de recollida no noso Concello, intervención que no día de hoxe o alcalde anunciou que non se vai producir.

 “Para o BNG é prioritario buscar unha solución negociada e definitiva ao conflito do lixo en Lugo. Unha solución que pasa necesariamente porque o Goberno municipal, presidido por Orozco, obrigue á empresa concesionaria a sentarse a negociar de novo tendo como punto de partida un acordo sobre a eliminación dos despedimentos e as sancións.” dixo a nacionalista Abraira.

 “Os veciños e as veciñas de Lugo levan mais dun mes padecendo unha situación que non provocaron e que se veu claramente agravada por un decreto de servizos mínimos claramente agresivo e por unha actitude do goberno municipal socialista condescendente sempre coa empresa concesionaria, empresa que se ve claramente que despreza a esta cidade, ao goberno municipal e  aos seus traballadores.

 O BNG considera necesario unha reunión da Xunta de Portavoces para aclarar en detalle os pasos que o Goberno pensa seguir dando e os informes técnicos que se están utilizando para tomar todas e cada unha das decisións.

 Expresou tamén as dúbidas do BNG con respecto a todos os anuncios que está a dar este Goberno en relación á empresa Urbaser: “Moito nos tememos que quedarán en nada” dixo Paz Abraira.

O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL INFORMACIÓN DIRECTA SOBRE OS PASOS QUE ESTÁ A DAR NA FOLGA