O BNG ACUSA Á XUNTA DE COMPLICIDADE NA MERMA DE DEREITOS DOS TRABALLADORES DA EMPRESA ALCOR

O BNG ACUSA Á XUNTA DE COMPLICIDADE NA MERMA DE DEREITOS DOS TRABALLADORES DA EMPRESA ALCOR

Esta empresa de seguridade presta os seus servizos en distintos centros propiedade da Xunta como a Biblioteca Pública de Lugo, o Museo do Castro de Viladonga e a Cidade da Cultura en Compostela.

Cosme Pombo informou que a empresa Alcor  modificou as condicións laborais dos traballadores subrogados despois de conseguir a adxudicación do contrato

Lugo a 14 de xaneiro de 2014. O parlamentario do BNG Cosme Pombo presentou unha serie de iniciativas no Parlamento Galego para saber que medidas pensa tomar a Xunta de Galiza para obrigar a empresa Alcor S.L. a cumprir coa lexislación vixente en canto ao dereito á subrogación dos seus traballadores así como a que cumpra coas condicións sociolaborais establecidas no Prego de Prescricións Técnicas para a contratación de persoal privado para o Servizo de Vixilancia e seguridade dos centros Biblioteca Pública de Lugo, Castro de Viladonga e Cidade da Cultura.

Para Cosme Pombo “non é de recibo que unha administración faga de paraugas para que unha empresa privada incremente os seus beneficios a costa de mermar os dereitos dos seus traballadores”. Pombo afirmou que “a Xunta ten que defender a legalidade e non pode facer a vista gorda ante casos como este que atacan directemente aos máis febles da cadea”. Unha vez adxudicado o servizo a Alcor S.L., esta empresa asinou un convenio colectivo de empresa que modifica e reduce substancialmente as condicións económicas e laborais d@s traballadores/as que prestan servizos nos centros de traballo onde se licitaban os servizos de seguridade en diferentes centros da Xunta de Galiza.

A empresa Alcor S.L. conseguiu a adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade da Biblioteca Pública de Lugo, Museo do Castro de Viladonga (Lugo) e Cidade da Cultura en Compostela. No intre da adxudicación de diversos servizos de seguridade por parte da Xunta de Galiza (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), presentou a súa proposta en concorrencia con outras empresas e en base a un prego de prescricións técnicas que agora non están a respectar. Á hora da licitación dos servizos de seguridade as empresas concorrentes deberían ter en conta os custes laborais do persoal con dereito a subrogación dacordo co Convenio Colectivo Estatal de Seguridade Privada.

Despois de conseguir a adxudicación dos contratos coa Xunta de Galiza esta empresa procedeu a unha modificación substancial das condicións salariais e laborais d@s traballadores/as que ven a supoñer o incumprimento do dereito de subrogación e das condicións establecidas no Prego de Prescricións Técnicas para a Contratación de Persoal Privado para servizos de Vixilancia e Seguridade.

O BNG preguntou no parlamento se a Xunta de Galiza é consciente da modificación das condicións salariais e laborais establecidas no Prego de Prescripcións técnicas para a Contratación de Persoal Privado para servizos de Vixilancia e Seguridade en varios centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por parte da empresa adxudicataria Alcor S.L e tamén se a Xunta vai tomar algunha medida para obrigar á empresa Alcor S.L.a cumprir coa lexislación vixente en canto ao dereito a subrogación dos seus traballadores.

O BNG ACUSA Á XUNTA DE COMPLICIDADE NA MERMA DE DEREITOS DOS TRABALLADORES DA EMPRESA ALCOR